Ron Carter, unha das máximas figuras do jazz, actúa no Teatro Principal de Ourense o 10 de novembro

  • A Deputación de Ourense colabora con este evento musical, enmarcado no ciclo "Galicia Importa", "no que a nosa provincia terá a oportunidade de ver en directo a unha das lendas do jazz con maiúsculas", afirmou Manuel Baltar na presentación do concerto.

Ourense, 31 de outubro de 2018.- O jazz do lexendario Ron Carter (Míchigan, 1937), unha das máximas figuras deste estilo musical no mundo, chegará a Ourense o 10 de novembro, no marco do ciclo "Galicia Importa", ofrecendo por primeira vez en Galicia, no Teatro Principal de Ourense, o seu concerto "Foursight Quarter". A presentación do evento, que conta coa colaboración da Deputación de Ourense, tivo lugar hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", coa participación do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar; o director de Agadic, Jacobo Sutil; e o promotor e organizador do ciclo, David Lago.

Baltar destacou que Ourense "terá a oportunidade ver en directo a unha das lendas do jazz con maiúsculas", e lembrou o éxito do ciclo "Galicia Importa", impulsado Xunta a través da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), "un evento consolidado que trae a Galicia recoñecidos artistas internacionais nun formato especial, máis próximo ao público". Así mesmo, o presidente provincial apuntou que Ron Carter "posúe o récord Guinness como o baixista de jazz con máis gravacións realizadas, e aínda hoxe, aos seus 81 anos, percorre os escenarios do mundo para goce dos amantes do jazz". "Trátase dunha ocasión única de presenciar a un auténtico mito da música", engadiu Manuel Baltar.

Entre a lista de nomes cos que este jazzman de Michigan tocou figuran Chet Baker, Thelonious Monk, Herbie Hancock, Wayne Shorter ou Chick Corea, así como artistas doutros estilos como George Benson, Antonio Carlos Jobim ou Quincy Jones.

O concerto, que terá lugar ás 22.00 horas, pechará o ciclo "Galicia Importa" 2018, iniciativa que ten como obxectivo "a colaboración con entidades públicas e privadas para facer concertos diferentes e achegados ao público, en espazos máis reducidos, traendo a Galicia a relevantes figuras do ámbito internacional", explicou Jacobo Sutil, quen destacou que este ciclo de concertos "vén a sumarse ás máis de 1.800 citas culturais que promovemos desde Agadic en colaboración con outras entidades".

Pola súa banda, o promotor David Lago dixo que as entradas para o concerto xa están á venta por un prezo de 10 euros máis gastos de xestión, e poden adquirirse a través de Ataquilla.com., e lembrou a expectación que a figura de Ron Carter ten espertado no público galego e tamén de León, Asturias e Portugal.