Vilavidal conmemora os cen anos da súa existencia

  • A Deputación de Ourense colabora con estas actividades que terán lugar os días 26, 27 e 28 de outubro.

Ourense, 25 de outubro de 2018.- A Deputación de Ourense apoia os actos conmemorativos polo centenario de Vilavidal que, con motivo desta efeméride, acollerá os días 26, 27 e 28 de outubro, diversas actividades culturais e de ocio, co fin de lembrar a historia desta localidade. A presentación desta iniciativa tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Ramirás, Juan Carlos Rodríguez; e o presidente, a vicepresidenta e os membros da asociación "Cien Años de Vilavidal", Juan José Rodríguez, Norys Domínguez, José Antonio Pereira, José Luís Rodríguez e Adolfo Álvarez, respectivamente.

Rosendo Fernández lembrou que no pasado mes de abril xa o presidente da Deputación de Ourense lle transmitiu á Asociación e ao alcalde "o apoio da institución provincial con estas actividades conmemorativas que contribúen a manter viva a historia e as tradicións da nosa provincia". Asemade, o vicepresidente do goberno provincial destacou a importancia de esta iniciativa que "une á veciñanza ao redor dun proxecto que pretende homenaxear e preservar a historia desta localidade que foi crecendo á carón da estrada e converténdose nun dos núcleos de poboación máis habitados do Concello de Ramirás".

Pola súa parte, o alcalde de Ramirás agradeceu aos mozos da asociación "o seu traballo e esforzo con este proxecto" que debemos celebrar agora dado que "aínda contamos coa primeira persoa que naceu no pobo e que lle puxo o nome á localidade". Así mesmo, Juan Carlos Rodríguez dixo que esta iniciativa é importante para "os ourensáns máis mozos coñezan a historia de Vilavidal e non se perda co tempo".

O presidente da asociación "Cien Años de Vilavidal" explicou que a asociación nace coa finalidade de "organizar os actos para conmemorar este centenario, e nos que estamos a traballar desde hai un ano".

As actividades comezarán este venres, 26 de outubro, ás 17.00 horas coa apertura da exposición de fotos antigas e obxectos, expostas na antiga Cámara Agraria de Vilavidal e, a partir das 22.00 horas, será a quenda para a música a cargo da orquestra Panorama e dun DJ. O sábado, 27 de outubro, ás 10.00 horas, abrirá a exposición e ás 12.00 horas, será a presentación do libro editado con motivo desta efeméride "100 anos de Vilavidal. 1918-2018". Posteriormente actuará a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e ás 13.00 horas, será o descubrimento da placa para continuar despois novamente a Real Banda de Gaitas. Ás 14.00 horas será o xantar popular e, pola tarde, ás 16.00 horas comezarán os xogos tradicionais para tódolos públicos e, ás 17.00 horas, terá lugar o concerto da Banda Municipal de Ramirás e despois do Grupo de Gaitas Rebulir. Ao día seguinte, o 28 de outubro, terán lugar os actos litúrxicos e a actuación da Coral de Ruada.