Ruta de Sendeirismo e actividades infantís, na 5ª andaina "Viño de Monterrei"

  • A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que terá lugar o día 6 de outubro.

Ourense, 4 de outubro de 2018.- A 5ª andaina "Viño de Monterrei" ofrecerá aos asistentes unha ruta de sendeirismo de 19 quilómetros para coñecer o municipio e os seus viños facendo deporte, mentes que para os menores de 7 anos acompañados por un adulto, haberá actividades infantís en formato xincana para gozar desta xornada deportiva en familia. A presentación deste evento tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Monterrei, José Luís Suárez; o responsable de Deportes do Concello de Monterrei, Marcos Meno; e a responsable de actividades de lecer e de ocio da cooperativa Xeitura, Begoña Garrido.

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo "que pon en valor a riqueza patrimonial, natural e cultural do municipio" dixo Rosendo Fernández, e que ademais "permite aos participantes coñecer un dos produtos estrelas do municipio e da comarca: o viño de Monterrei, a través dunha actividade saudable deseñada para gozar en familia".

Pola súa parte, o alcalde de Monterrei dixo que esta iniciativa deportiva responde a tres obxectivos: "promover a práctica deportiva cunha actividades de baixa intensidade para unha maior participación, dar a coñecer o noso abundante patrimonio material e inmaterial e, sobre todo, a paisaxe dos nosos viñedos nesta época do ano e a propia actividade das adegas que están en plena vendima, e poñer en valor o viño como motor económico do noso municipio"

A proba, de dificultade media, terá lugar o vindeiro sábado, 6 de outubro, ás 10.00 horas desde a Alameda do Concello de Monterrei e rematará no mesmo punto. Os interesados en participar poderán anotarse, por un custe de 5 euros, no Concello de Monterrei, na tenda Multisport de Verín ou na tenda Deportes Redonet de Ourense, ou o mesmo día da proba. Ao longo do percorrido os participantes terán dous avituallamentos e, ao remate da proba, haberá un punto de degustación e sortearanse varios lotes de viño xunto con outros regalos.