Unha xornada analiza as novas tendencias de marketing dixital no sector turístico galego

  • A Deputación de Ourense colabora con esta acción formativa, organizada polo Grupo Colmeiro, que se celebra hoxe na "Casa dos Poetas" de Celanova.

Ourense, 27 de setembro de 2018.- A Deputación de Ourense colabora nunha xornada sobre novas tendencias de marketing dixital no sector turístico galego, organizada polo Grupo Colmeiro, e que está a desenvolverse hoxe na "Casa dos Poetas" en Celanova. A xornada foi inaugurada hoxe polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o catedrático de Facenda Pública da Universidade de Santiago e coordinador do Grupo Colmeiro, Luis Caramés; e o alcalde de Celanova, José Luís Ferro.

O vicepresidente do goberno provincial dixo que hoxe, no Día Mundial do Turismo, celébrase en Celanova esta xornada "a proposta do presidente da Deputación de Ourense, porque estase a traballar ca Fundación Curros Enríquez, en proxectos turísticos que teñan como soporte as novas tecnoloxías". Neste senso, o alcalde de Celanova lembrou que coa obra "Arnoia, Arnoia" de Méndez Ferrín, "estamos a traballar coa Deputación de Ourense pera elaborar o primeiro videoxogo baseado nunha obra literaria galega e ao mesmo tempo deseñar un proxecto de visita con realidade aumentada polas terras de Celanova asentado nos principios dese videoxogo"

Esta xornada ofrece aos asistentes solucións para que as empresas sexan capaces de traballar cos datos que proporcionan as ferramentas de marketing dixital e que, en base a eses datos, poidan elaborar plans de marketing dixitais máis efectivos. Durante a xornada, os expertos analizaron con casos prácticos as novas tendencias en marketing dixital e mostraron aos asistentes solucións que lles permitan ás empresas competir mellor e chegar ao consumidor dunha maneira máis eficiente.

Luís Caramés dixo que, tendo en conta que "os consumidores de turismo actualmente son fundamentalmente dixitais, isto plantexa novos retos ás empresas turísticas, polo tanto é importante coñecer esas tendencias para adaptarse mellor á oferta, empregar ferramentas no marketing dixital e levar a cabo plans de dixitalización da oferta turística, porque a demanda está a transformar a natureza do consumidor de turismo".

As últimas cifras do sector turístico mostran un notable incremento do turismo en Galicia, así o 2017, pechouse con pouco máis de cinco millóns de visitantes e a administración calcula que no 2020 poderíase chegar á cifra récord de seis millóns.