175 anos representando o combate entre mouros e cristiáns en Rairiz de Veiga

  • A celebración da "Romaría da Saínza" 2018 terá lugar os días 21, 22 e 23 de setembro.

Ourense, 20 de setembro de 2018.- O municipio de Rairiz de Veiga leva 175 anos a representar o tradicional combate entre mouros e cristiáns no marco da "Romaría da Saínza" que neste 2018 ofrecerá un completo e variado programa de actividades para tódolos públicos durante os días 21, 22 e 23 de setembro. A presentación desta celebración tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a alcaldesa de Rairiz de Veiga, Josefa Asunción Morgade; o presidente da Asociación socio-cultural Amigos da Romaría da Saínza, Julio Domínguez; e a colaboradora do evento, Ana Belén Míguez.

O vicepresidente da Deputación de Ourense dixo que esta tradicional celebración "arraigada no calendario festivo da nosa provincia, recrea desde o ano 1840 no Concello de Rairiz de Veiga, o combate entre mouros e cristiáns, no que os veciños do municipio, ataviados cos traxes daquela época, representan este feito que atrae a numerosos visitantes tódolos anos". Así mesmo, Rosendo Fernández lembrou que se trata dun evento declarado "Festa de Interese Turístico" pola Xunta de Galicia, no ano 2000".

A alcaldesa de Rairiz de Veiga, quen explicou o programa de actividades previsto para eses días, dixo que este ano a Romaría "chega a súa 175ª edición, pois leva a celebrarse desde o ano 1840, e só se suspendeu durante os tres anos da Guerra Civil". Así mesmo, Josefa Asunción Morgade lembrou que se estima que pasan por esta tradicional celebración máis de 20.000 persoas.

Programación

O programa de actividades dará comezo o día 21 de setembro, ás 13.00 horas, coa descarga de bombas de palenque para continuar, ás 17.00 horas, cos xogos populares no campo da festa, coa representación do combate de mouros e cristiáns con monicreques. Ás 18.30 horas será a quenda para o teatro amenizado polos nenos do municipio representando a obra "Pin-Pon" e, de seguido, ás 19.30 horas, serán as mulleres do concello as protagonistas da obra de teatro "Rúa da tranquilidade". Ás 21.00 horas será o espectáculo de humor e maxia internacional e, desde ás 23.30 horas, haberá actuacións musicais.

Ao día seguinte, o sábado 22 de setembro, ás 12.30 horas será a III quedade de músicos tradicionais da Romaría da Saínza 2018 no campo da festa. Pola tarde, ás 18.00 horas será a VII edición de "O meu primeiro combate de mouros e cristiáns" no campo do castelo. Ás 19.30 horas, será a procesión ca Nosa Señora da Mercé desde a Capela da Saínza ata a Igrexa de San Xoán de Rairiz de Veiga. Ás 22.00 horas chegará a música á festa e ás 23.45 horas será o asalto ao Castelo por parte dos mouros, para continuar ás 00.30 horas, cos fogos de artificio no Castelo e con actuacións musicais.

O último día da Romaría, o 23 de setembro, comezará ás 11.00 horas coa descarga de bombas de palenque e, ás 12.00 horas, será o pasarrúas a cargo da Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense, seguida dos actos relixiosos. Ás 13.00 horas, celebrarase o tradicional combate de mouros e cristiáns no campo do castelo e, posteriormente, volverá a música a ser a protagonista.