"A volta dunha ausencia" de Pepe Galán, no Centro Cultural "Marcos Valcárcel"

  • O artista volve aos espazos expositivos galegos despois de afastarse deles desde o ano 2010.

  • A mostra, que será inaugurada oficialmente hoxe ás 20.00 horas, poderá visitarse ata o día 21 de outubro.

Ourense, 6 de setembro de 2018.- O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense retoma a súa actividade expositiva con "A volta dunha ausencia", con obras escultóricas de Pepe Galán que volve aos espazos expositivos galegos despois de afastarse deles desde o ano 2010. A mostra foi presentada hoxe polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; polo director do Centro Cultural, Francisco González; e polo escultor Pepe Galán.

O vicepresidente da Deputación de Ourense explicou que a mostra exposta no Centro Cultural é "un percorrido por obras que establecen conexión no espazo tempo, realizadas en moitos casos, desde a fusión dos medios de expresión". A exposición "A volta dunha ausencia" está composta por "corenta obras, algunhas delas de gran formato, e tamén por catro instalacións de vídeos e as súas correspondencias escultóricas", sinalou Rosendo Fernández.

"A volta dunha ausencia" mostra os artefactos que xorden do obradoiro de Pepe Galán tras unha especie de parada técnica, iniciada trala súa gran retrospectiva no Kiosko Alfonso da Coruña, no ano 2010. Nesta exposición, o artista presenta na súa volta, pezas innovadoras, onde a escultura continúa a ser o seu principal vehículo de expresión pero tamén introduce materiais e procedementos inesperados. "Unha das características desta mostra é que son obras de diferentes tipos de materiais, aínda que predomina o ferro", sinalou Francisco González.

Esta mostra supón "a apertura da tempada de exposicións e unha mostra máis do compromiso do Centro Cultural "Marcos Valcárcel" coa pluralidade", explicou Francisco González, quen salientou que acoller esta exposición é "singular para nós, porque Pepe é un artista consolidado, pero que non ten moita presenza en Ourense, e chega aquí con esta mostra que pecha un ciclo itinerante que a levou por distintos centros expositivos de Galicia".

En canto á obra de Pepe Galán, Rosendo Fernández lembrou a Manolo Rivas cando no ano 2010 a definía como "un territorio onde o goce é risco" e "os metais loitan con vontade dos vexetais límites polo dereito a ter unha forma. Unha face coa que encarar a tempestade".

A mostra, que será inaugurada oficialmente hoxe ás 20.00 horas, poderá visitarse ata o día 21 de outubro.