Deputación de Ourense e Política Lingüística presentan o programa "Espello Deportivo" para promover os valores do deporte a través do galego

  • Manuel Baltar destacou na presentación que o proxecto "combina os valores do deporte: superación persoal, sacrificio, esforzo e compañeirismo coa defensa da nosa lingua.
  • As xornadas desenvolveranse en 10 concellos da provincia de Ourense entre o 4 de maio e o 10 de xuño.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron hoxe en Ourense o programa "Espello Deportivo", unha iniciativa enmarcada dentro do Plan Provincial de Acceso Igualitario ao Deporte, incluído no Plan OURENSE 92 da institución provincial, que ten como obxectivo a realización dunhas xornadas dirixidas a escolares da provincia de Ourense que a Deputación de Ourense desenvolverá conxuntamente coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia para promover o galego e os valores do deporte.

As xornadas contarán coa participación de deportistas galegos olímpicos e paralímpicos e terán lugar entre o 4 de maio e o 10 de xuño inicialmente en dez concellos da provincia, todos eles incluídos na Rede de dinamización lingüística: Bande, Barbadás, Celanova, Muíños, O Barco, O Carballiño, Ourense, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia. Os medallistas galegos participantes son Chano Rodríguez Veloso, Sofía Prieto Puga e Juan Saavedra Reinaldo.

O acto de presentación tivo lugar no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, coa presenza, ademais de Manuel Baltar e Valentín García, dos deportistas Juan Antonio Saavedra e Chano Rodríguez, así como o presentador das xornadas, Rubén Riós, e o asesor de Deportes da institución provincial, Bernardino González.

O presidente provincial felicitou á Secretaría Xeral de Política Lingüística por este programa do que dixo "combina os valores do deporte como son a superación persoal, o sacrificio, o compañeirismo e o esforzo coa defensa da nosa lingua, algo que temos que respectar, fomentar e promover".

Pola súa banda, Valentín García que o proxecto vai dirixido á mocidade e aos máis cativos, "para que comprendan da man de destacados deportistas olímpicos e paralímpicos galegos a importancia de superarse na vida, tanto no eido persoal como deportivo, e todo elo tendo como veículo a lingua galega", algo no que tamén concordaron Rubén Riós e os deportistas Chano Rodríguez e Juan Antonio Saavedra.