Luar na Lubre levará os sons da Ribeira Sacra a Esgos

  • A Deputación de Ourense organiza este concerto no que actuarán máis de 60 artistas convidados entre os que está a Coral de Ruada, Ses, Nani García, Bieito Romero, entre outros músicos.

  • Ademais de música, durante a celebración haberá espazo para artesanía, a olería, a gastronomía e os xogos tradicionais.

Ourense, 18 de agosto de 2018.- O grupo de folk Luar na Lubre levará os sons da Ribeira Sacra a Esgos, nun concerto organizado pola Deputación de Ourense no que actuará con máis de 60 artistas convidados, na Finca da Casa Reitoral de Esgos, mañá domingo, 19 de agosto. Ademais de música, durante a celebración haberá espazo para a artesanía, os xogos tradicionais, a olería e a gastronomía.

Entre os artistas convidados ao que será "o acontecemento musical máis importante da nosa historia" –sinalou o presidente do goberno provincial- destacan a Coral de Ruada, Félix e Castor Castro, Ses, Nani García, Bieito Romero, Óscar Rosende, Irene Cerqueiro, entre outros músicos que compartirán escenario co grupo de música folk.

"Esgos, un dos protagonistas do último traballo de Luar na Lubre, será mañá a capital da música folk, cun grupo de referencia internacional, e cunha traxectoria musical de máis de 30 anos", dixo Manuel Baltar. A xira musical de Luar na Lubre continuará nos máis de 40 concertos que levarán a "Ribeira Sacra" por diferentes cidades españolas, e tamén por lugares como Montevideo, Chile, Bos Aires, entre outros destinos.

O grupo Luar na Lubre, creado en 1986, tense convertido co paso dos anos nunha formación de referencia da música folk galega, dedicando especial atención ao estudo dos cancioneiros galegos así como ao traballo de campo que lle proporciona un fondo coñecemento sobre a realidade musical galega que tamén se revela determinante nas composicións propias.