Coches clásicos, gastronomía e patrimonio daranse cita en Xunqueira de Ambía

  • Coa celebración da terceira concentración de coches antigos de ata 1969 os participantes percorrerán os lugares máis emblemáticos da contorna o día 18 de agosto.

Ourense, 14 de agosto de 2018.- O municipio de Xunqueira de Ambía acollerá o día 18 de agosto, a terceira edición da concentración de coches antigos, unha ruta gastronómica e turística que levará aos participantes a percorrer os lugares máis emblemáticos da contorna, "un evento que a través do deporte promociona a nosa cultura e a nosa gastronomía", destacou o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González, na presentación deste evento hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", na que estivo acompañado polo concelleiro de Xunqueira de Ambía, Rubén Seara, e pola organizadora do evento, Beatriz Crespo.

O obxectivo deste evento é "potenciar o turismo como un factor de crecemento económico, a valorización dos recursos turísticos e o fomento do turismo como un instrumento de equilibrio territorial", explicou Beatriz Crespo, quen destacou que esta celebración mostra "aos amantes dos coches, os atractivos turísticos da zona".

Os participantes concentraranse na praza da colexiata en Xunqueira de Ambía para saír ás 12.00 horas cara a aldea de Santa Mariña de Augas Santas, e ás 13.00 horas chegarán aos xardíns internacionais de Allariz. Posteriormente, degustarán a comida elaborada polo cociñeiro André no restaurante fábrica de Vilaboa en Allariz para, trala cal continuarán a ruta cara Congostro, Rairiz de Veiga, e desde esta aldea rural poñerán rumbo a Bande e por a Celanova, ás 19.00 horas, onde realizarán unha visita polo claustro. Trala visita a Celanova, os participantes sairán cara Xunqueira de Ambía, onde asistirán a un concerto de órgano e realizarán unha visita guiada na colexiata, para rematar ás 21.00 horas, cunha cea amenizada con música.

Os interesados en participar aínda poden inscribirse no Concello de Xunqueira de Ambía ou a través do número de teléfono 648051013, quedando dispoñibles cinco prazas. O requisito que deben cumprir os participantes é que os vehículos sexan de ata o ano 1969. Nesta terceira edición, na que participan medio cento de vehículos procedentes de Galicia, País Vasco e Portugal.