A X "Festa da Palabra" rende homenaxe ao poeta ourensán Víctor Campio Pereira

  • Manuel Baltar destacou na celebración o "ourensanismo e o galeguismo" que profesou durante a súa traxectoria o homenaxeado, e anunciou que a Deputación de Ourense, xunto coa Fundación "Ínsua dos Poetas", reeditará a súa obra O aire, a luz e o canto, Poesía reunida (1987-2006).

  • No acto, no que actuou como mantedor o escritor ourensán Xosé Luís Méndez Ferrín, tivo lugar a entrega dos premios "Insua dos Poetas" 2018.

Ourense, 28 de xullo de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar participou hoxe na décima edición da "Festa da Palabra" que rendeu homenaxe, na Insua dos Poetas, ao poeta ourensán Víctor Campio Pereira no seu 90 aniversario, falecido o pasado día 24 de xullo. Manuel Baltar destacou do homenaxeado o seu "ourensanismo e galeguismo" que profesou, silandeiro e firme, Víctor Campio Pereira. "Sempre a voltas coas palabras, nunha pelerinaxe constante, "nun exilio digno do acougo do amor, na matriz dunha gabia con lentura", como dixo dil Manuel Outeiriño, no limiar de O aire, a luz e o canto, Poesía reunida (1987-2006)", sinalou o presidente do goberno provincial quen anunciou que este "libro esencial" da obra literario de Víctor Campio, será reeditado pola Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación "Ínsua dos Poetas", da que o homenaxeado foi patronato fundador.

Asemade, no seu discurso, o presidente da Deputación de Ourense destacou o protagonismo da provincia de Ourense no ámbito da cultura galega e lembrou que estando ás portas do centenario de Nós, "moito máis ca unha revista, unha xeración completa que revolucionou, desde Ourense, a Galicia do Século XX e que nos conectou, especialmente, coa Europa dos pobos e as naciós sen Estado, unha Europa na que nin figurabamos. Europeizar e universalizar a partir da propia identidade, sermos Nós no mundo. Velaí a raíz dun galeguismo sen apelidos, firme esteo que cómpre afincar, máis que nunca, nestes tempos. Tan semellantes, por convulsos, ós que afrontaron os mozos ourensás en 1913, 1915 e 1916, "un tempo de severo gozo" en palabras de Otero Pedrayo, a carón do mestre Antón Lousada Diéguez".

"Estaremos sempre, en tódolos recunchos desta provincia, no resto de España, en Buenos Aires, Montevideo, La Habana, Caracas, Salvador de Bahía, México, Panamá e Nova Iork... En calquera lugar de América, de Europa e de Oceanía, alí onde haxa unha ourensá ou un ourensano, estaremos", salientou Baltar.

"Esta décima edición consolida a "Festa da Palabra" como a cita máis importante do verán cultural non só de Ourense, senón de toda Galicia", sinalou o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar. Na Insua dos Poetas están xa instalados dez grandes das nosas letras: Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Díaz Castro, Eduardo Blanco Amor, Francisco Luis Bernárdez, Dora e Pura Vázquez, Carlos Casares, e a partir de hoxe, "o poeta Víctor Campio Pereira incorpórase á nómina das voces que aquí respiran aire de liberdade, que alumean coa luz do seu espírito e que ofrecen un canto solidario, a verba que Víctor Campio comparte con Curros Enríquez, con Celso Emilio Ferreiro, con Eduardo Blanco Amor, con Pura Vázquez e, no próximo 2019, con Antón Tovar", dixo o presidente do goberno provincial.

Premios "Insua dos Poetas"

No acto, no que actuou como mantedor o escritor ourensán Xosé Luís Méndez Ferrín, tivo lugar a entrega dos premios "Insua dos Poetas" 2018 das súas sete categorías. Nesta ocasión, o premio á categoría Medios de Comunicación foi para Cablevisión do Carballiño polo seu labor informativo en lingua galega na bisbarra carballiñesa e pola difusión da cultura. O premio á Defensa e Conservación do Medio Ambiente" recaeu na Plataforma Mina de Touro - O Pino Non polo seu labor contra o proxecto mineiro a ceo aberto que afecta a varios concellos da provincia da Coruña. O premio de Artes Plásticas foi para o artista e comunicador Siro López que ten aportado unha obra sólida e vangardista na plástica, humorística e profunda na escrita e sempre caracterizada por unha fina, delicada e sutil interpretación do mundo. O premio "Insua dos Poetas" 2018 á Emigración foi para Beatriz Carballo Regueira, actual secretaria da Asociación Hijos de Zas en Bos Aires. Delegada de Educación no Instituto arxentino-galego Santiago Apóstol e autora de Yo, emigrante, 50 historias de galegos espallados polo mundo. Na categoría de Iniciativa Empresarial a prol da cultura, o premio foi para o presidente de Viña Costeira Adega, Andrés Rodríguez, por manter e incrementar a longa tradición cultural da maridaxe entre o viño e a literatura, especialmente no 50 aniversario da fundación da Cooperativa do Ribeiro. O premio á categoría de Acción Social foi, nesta edición, para o presidente da Fundación San Rosendo, Benigno Moure, pola súa sensibilidade e boa disposición, acollendo en residencias da Fundación a partícipes da vida cultural de noso, especialmente escritores como é o caso do finado Bautista Álvarez e do poeta Bernardino Graña. Por último, o premio "Insua dos Poetas" 2018 na categoría de creación literaria foi para o escritor Bieito Iglesias, quen destaca por un uso patrimonial da lingua galega, ata o punto de que a súa escrita é un exercicio propio de linguaxe. Trátase dun autor que transcende á gran literatura europea da que Bieito Iglesias non só é lector senón que destacado intérprete. Os galardóns, que foron entregados polas autoridades asistentes ao acto, consistiron nunha peza orixinal do escultor Acisclo Manzano.

"Caste"

No acto tamén tivo lugar o develamento da peza escultórica "Caste" da autoría do tamén poeta, Luís González Tosar. "Trátase dunha peza simbólica da obra poética de Víctor Campio Pereira. Neste grupo escultórico conxúganse a expresión máis telúrica a través da deconstrución dunha roda de carro do país, elevada a unha escala de tres metros de diámetro, e elaborado cos mesmos materiais tradicionais: ferro forxado e con madeira de carballo do país, en diálogo co figurativo do home; a representación que coroa a estrutura, simbólico da forza da palabra", explicou o autor de "Caste".

Tamén asistiu á celebración da X "Festa da Palabra" o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; os secretarios xerais de Política Lingüística e Cultura, Valentín García e Anxo Lorenzo; e os deputados provinciais de Cultura e Cooperación, Manuel Doval e Pablo Pérez. Ademais das autoridades, tamén estiveron representantes de fundacións galegas como a de Otero Pedrayo, Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao, Blanco Amor, Curros Enríquez e outras institucións culturais ourensáns, xunto con escritores, editores, artistas plásticos e outras persoas do mundo da cultura galega.

A música durante o acto correu a cargo do grupo "Blues do País" e da Real Banda de Gaitas da Deputación.