Celanova, epicentro da cultura audiovisual coa XV edición do curso de verán CeMAC

  • A Deputación de Ourense apoia un ano máis esta iniciativa formativa que, segundo Manuel Baltar, "ten como obxectivo unir a narrativa audiovisual, as artes escénicas, a creatividade e o territorio, o que contribúe a transformar o noso patrimonio cultural en industria turística, algo polo que vimos apostando desde a Deputación de Ourense".

  • Este curso de extensión universitaria terá lugar do 3 ao 6 de xullo no Auditorio Municipal de Celanova, centrado na "Narrativa audiovisual do presente: vieiros, formatos e pantallas".

Ourense, 28 de xuño de 2018.- A XV edición do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova centrarase na narrativa audiovisual do presente: vieiros, formatos e pantallas, unha nova achega na liña temática iniciada hai quince anos co curso Cine e literatura. A presentación desta iniciativa formativa tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o administrador da Fundación "Carlos Casares", Hakan Casares; a vicerreitora do Campus de Ourense, Esther de Blas; o alcalde de Celanova, Xosé Luis Ferro; a coordinadora de Política Audiovisual da AGADIC, Dolores Meijomín; o director do Taller AV CeMAC, Paulino Pérez; e a directora da curta "Lus de contra", do Plató de ficción do CeMAC, Ana Campos.

No acto, no que tamén estivo presente o director do curso, Miguel Anxo Fernández, Manuel Baltar destacou que "a cooperación entre administracións e entidades tendo como obxectivo, neste caso, unir a narrativa audiovisual, as artes escénicas, a creatividade e o territorio é importante, porque iso contribúe a transformar o noso patrimonio cultural en industria turística, algo polo que vimos apostando desde a Deputación de Ourense", dixo o presidente do goberno provincial, quen subliñou que novamente Celanova sitúase como vila protagonista no ámbito da formación no que atinxe á innovación audiovisual.

Este foro, de referencia en Galicia, no que se analiza a creación audiovisual en todas as súas variantes, céntrase nesta edición en coñecer e analizar as singularidades da ficción seriada, a súa historia, aparición, auxe e transformación. O administrador da Fundación "Carlos Casares", Hakan Casares, explicou que a colaboración con esta iniciativa pretende "engarzar o legado de Carlos Casares co sector audiovisual, moi ligado á literatura", e sinalou que seu pai, "estaría orgulloso deste curso, sobre todo, pola ilusión coa comezan a súa andaina profesional e os seus proxectos novos valores como a directora da curta "Lus de contra".

Pola súa parte, a vicerreitora do Campus de Ourense dixo que esta é unha actividade "con moito recoñecemento, que aborda unha temática actual con profesorado de primeira liña e, por iso, consegue cubrir todas as prazas". Ademais, Esther de Blas explicou que o CeMAC encadra cos obxectivos do Campus de Ourense de "abrirse á sociedade e de colaborar cos concellos". Tamén, Dolores Meijomín destacou a importancia da formación, sobre todo, en "actividades que, como esta, requiren dunha actualización constante do coñecemento", e José Luís Ferro dixo que Celanova "está a ser o epicentro da cultura na provincia de Ourense e volve a converterse na vila que máis está a traballar no audiovisual".

Ao abeiro do CeMAC vaise desenvolver por noveno ano consecutivo o Taller audiovisual "Celanova, plató de ficción", unha experiencia eminentemente práctica que ten como obxectivo a produción dunha peza audiovisual nun tempo determinado. A actividade está dirixida aos alumnos de Comunicación Audiovisual da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

En canto á curta deste ano, "Lus de contra", a súa directora remarcou que se trata "dunha oportunidade única que nos brinda o CeMAC de facer unha curta desde cero", e destacou "o empoderamento da muller neste proxecto, que conta con maioría delas no equipo". Ana Campos explicou que a curta está inspirada na obra "Sol de verán" de Carlos Casares, que reflicte unha historia de soidade desde a perspectiva dun home maior e dunha moza cunha mente máis aberta.

Pola súa parte, Paulino Pérez comentou que a programación deste ano mestura relatorios con proxeccións audiovisuais, e dixo que se trata dun curso "aberto a todo o público". Os interesados en participar poderán anotarse na páxina web http://vicou.uvigo.es/gl/cultura/cursos-de-extension ata o día 2 de xullo.

Como todos os anos, o curso dispón de transporte gratuíto para recoller ao alumnado nos distintos campus o día 3 de xullo, e tamén transporte de regreso para o día 6 de xullo. Así mesmo, o albergue de Celanova estará dispoñible de forma gratuíta grazas ao concello da vila durante as noites do 3 ao 5 de xullo para acoller a aquelas persoas inscritas que desexen pernoctar na vila de Celanovesa.

Entre os relatores que participarán no curso figuran o director xeral de contidos de Mediaset España, Manuel Villanueva; o director e guionista Segio G. Sánchez; a directora Anxos Fazáns; actrices e actores como Mariana Carballal, Manuel Lourenzo, Isabel Naveira, Cristina Iglesias, Manuel Cortés, e directores como Carlos Fernández, Eloy Enciso, Noemí Chantada, Álvaro Gago e Jaione Camborda.

Máis información en: http://vicou.uvigo.es/es/cultura/cursos-de-extension