A Deputación de Ourense achega este ano 31.500 € para a Festa da Istoria, a MIT e a Feira do Viño do Ribeiro

A Deputación de Ourense achega este ano un total de 31.500 euros para a promoción, organización e coordinación dos tres eventos culturais e sociais máis importantes de Ribadavia, como son a Festa da Istoria, a Mostra Internacional de Teatro e a Feira do Viño do Ribeiro. Precisamente hoxe, o presidente provincial, Manuel Baltar, e o asesor de Cultura e Deportes da Deputación de Ourense, César Fernández, mantiveron unha reunión co presidente da Fundación Festa da Istoria, Miguel García, na cal se abordaron temas referidos á organización deste evento, destacando que a achega da institución provincial para o mesmo será nesta edición de 10.500 euros, manténdose a mesma achega que o ano pasado, o que reflicte o compromiso e apoio da Deputación de Ourense con este evento.

Por outra banda, a Deputación de Ourense colaborará cunha achega de 15.000 euros para a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, achega que supón un notable incremento do 87,5% con respecto ao ano 2012, o que pon de manifesto a importancia que o apoio á cultura ten para o ente provincial. Asemade, a Deputación colaborará cunha achega de 6.000 euros para a Feira do Viño do Ribeiro, que este ano celebra a súa 50ª edición.