Visitas Interpretadas para descubrir os lugares emblemáticos de Pazos de Arenteir

  • A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa que ao longo de once venres amosará a riqueza histórica e patrimonial desta aldea.

Ourense, 26 de xuño de 2018.- O municipio de Boborás prepárase para acoller os "Venres interpretados", unha iniciativa coa que da a coñecer os lugares máis emblemáticas da zona antiga de Pazos de Arenteiro, como a igrexa, a casa reitoral, os pazos, e outros lugares destacados, a través dun total de 11 visitas interpretadas. A presentación desta proposta cultural tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a concelleira de Cultura e Turismo de Boborás, Patricia Torres; e a representante de "Plan B", entidade organizadora da actividade, Sonia Buján.

A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa cultural que "pon en valor e da a coñecer o noso patrimonio, tanto aos turistas coma aos propios veciños, para que a través do teatro, poidan descubrir os lugares máis emblemáticos da zona antiga desta aldea", explicou Rosendo Fernández.

O lema desta edición é "Saca o artista que levas dentro" e as visitas comezarán o 29 de xuño, e repetiranse tódolos venres ata o día 7 de setembro, ás 22.00 horas, para aproveitar a escuridade para unha mellor ambientación da trama. Nas visitas, cunha duración aproximada dunha hora, participarán catro actores que irán saíndo ao encontro dos participantes, creando unha atmosfera de misterio na que, chegado o momento, o grupo terá que implicarse na procura de descifrar un feito esencial relacionado co evento.

"A sorpresa é parte do atractivo desta actividade coa que se destaca o valor dos lugares de tanta riqueza patrimonial desde o punto de vista lúdico", explicou Sonia Buján, afirmando que facer estas visitas por medio da interpretación "permite chegar a máis xente".

A concelleira de Cultura e Turismo de Boborás agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense para poder desenvolver esta iniciativa, e salientou o éxito que está a ter esta proposta cultural tanto con veciños do municipio e da contorna como por parte de turistas".

Os interesados en participar nestas visitas, que son de balde e para tódolos públicos, deberán realizar a súa reserva a través dos números de teléfono: 645865080 ou 619442622. O aforo de cada visita está limitado a 30 participantes por sesión, "co obxectivo de que todos poidan gozar da actividade ao cen por cen", sinalou Sonia Buján.