Os participantes do VII Festival Internacional da Canción Popular visitan o Pazo Provincial

Ourense, 22 de xuño de 2018.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández recibiu hoxe no Salón de Plenos do Pazo Provincial, a integrantes dos diferentes grupos de Israel, Italia, Bulgaria, Romanía, Portugal, Serbia e España que están a participar, do 21 ao 24 de xuño, no VII Festival Internacional da Canción Popular, enmarcado dentro da actividade do IGF (International Union of Folklore Associations) no IGF Caravan 2018. Os artistas estiveron acompañados polo director do Festival, José Antonio Viñas e polo presidente adxunto da Federación Internacional de Folclore, Nicolás Charleti.

Rosendo Fernández deulles á benvida aos artistas dos sete países participantes neste Festival "o único destas características que se desenvolve en España" e animounos a gozar dos potenciais turísticos da provincia: o patrimonio, a gastronomía e o termalismo. Pola súa parte, o director do Festival destacou "o apoio da Deputación de Ourense para poder desenvolver este tipo de iniciativas" e agradeceu aos artistas "por traer a vosa musica e o voso canto a Ourense".

Por último, Nicolás Charleti salientou a idoneidade deste Festival como "espazo para destacar os valores da humanidade" e dixo que esta iniciativa converte a Ourense "na capital mundial da música tradicional".

Este Festival, que conxuga música e canto tradicional e que está especializado no ámbito do Folclore, comezou onte no balneario de Arnoia e continuará hoxe, 22 de xuño, na Praza de San Martiño en Ourense ás 21.00 horas. Mañá, 23 de xuño, os concertos serán na Estación Termal de Outariz ás 23.00 horas, e o día 24 de xuño, será no balneario de Laias, ás 20.00 horas.