Acto de remate da Semana das Letras Galegas coa presentación en Cenlle do libro “Ausencias, soños e rebeldías”

Na Casa do Pobo de Barbantes-Estación (Cenlle) tivo lugar o acto de presentación do libro "Ausencias, soños e rebeldías", do poeta Xosé Conde, unha obra que recolle 50 anos de poesía en galego do autor.
O acto, que puxo fin ás actividades organizadas en Ourense dentro da semana na que se conmemora o Día das Letras Galegas 2012, contou coa presenza do poeta Luís González Tosar, presidente do Centro PEN Galicia; o poeta Víctor Campio; o alcalde de Cenlle, Gabriel Alén, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. Máis dun centenar de persoas asistiu a este evento que congregou na Casa do Pobo de Barbantes-Estación a persoeiros da cultura e da vida social de Ourense.
Xosé Conde (Ourense 1918 - O Porriño 1990), criouse entre Barbantes e Filgueira. Con dezaoito anos emigrou á Arxentina, traballando de enfermeiro e asistindo polas noites ás clases de Lengua y Literatura na Facultad de Filosofía y Letras de la Universidad de Bos Aires. Regresou a Galicia nos anos 80 residindo en Ourense. Morreu no Porriño en 1990.
En Bos Aires cofundou con Eliseo Alonso e Teodoro Campos, a revista “Mundo gallego”. Publicou en castelán Penas son cantares (1951),Canto y grito (1956), Desde el tiempo (1966), Otoño en soliloquio (1972) e España en lonjas (1975). En galego é autor de Nouturnio de soedades (1952), Muiñada noitébrega (1955), Terra aluciada (1959) e Os meus cantiles (1981). A Casa de Galicia de Nova Iorque premioulle o libro Flor saudal e o Concello de Lugo outorgoulle un galardón polo poema “Río Miño”. Os poetas arxentinos agasallárono, na súa volta a Galicia, cunha medalla de ouro.
Ademais, colaborou en xornais e revistas da colectividade galega na Arxentina e na prensa de Galicia, especialmente en “La región” e en “La Hoja del Lunes” de Ourense, medios onde mantivo seccións fixas. Alén do seu labor literario, cultivou tamén a pintura e o debuxo, asinando como Barqueiro.

Más información gráfica: