A Deputación destina 165.000 € en axudas para temas de Cultura, Medio Ambiente e Deporte

Ourense, 1 de xuño de 2018.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá un total de 165.000 euros en axudas para asociacións e concellos da provincia para temas de Cultura, Medio Ambiente e Deporte. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 1 de xuño de 2018.

En materia de cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 10.000 euros para o Concello de San Amaro destinada aos gastos de bombeo en Razamonde, e por outra parte, aprobou o pago anticipado da axuda, aprobada na Xunta de Goberno correspondente ao 4 de maio de 2018, ao Concello de Vilamartín de Valdeorras, por importe de 35.000 euros para o Proxecto As Letras de Florencio.

No apartado de cooperación con entidades e asociacións da provincia de Ourense, na reunión aprobouse, en materia de deportes, unha axuda para a Escudería Ourense por importe de 51.000 euros destinada ao fomento do deporte coa celebración do Rally Ourense 2018. Asemade, en materia de cultura, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda para Sarabela SL, de 20.000 euros, para a celebración do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) 2018. E, para a Asociación Academia Galega do Audiovisual, aprobou unha axuda de 4.000 euros para cooperar cos gastos de funcionamento da entidade, para os Premios María Luz Morales correspondentes aos anos 2017 e 2018.

Por último, a Xunta de Goberno aprobou a resolución da convocatoria do concurso público para a concesión de axudas para a realización de festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas correspondentes ao exercicio 2018, pola que concedeu un total de 80.000 euros en axudas a 41 proxectos culturais.