O cambio climático e o viño, un dos temas que se tratarán na "II Semana Vitivinícola de Galicia"

  • O evento, organizado pola Deputación de Ourense e a Evega, terá lugar do 5 ao 7 de xuño en Ourense con actividades técnicas e divulgativas ao redor do sector do viño.

Ourense, 30 de maio de 2018.- Os retos da viticultura ante o cambio climático, obradoiros para avaliar a excelencia e os problemas dos viños, ou os viños na cultura galega, son algunhas das actividades que abrangue a "II Semana Vitivinícola de Galicia", un evento técnico e divulgativo organizado pola Deputación de Ourense e a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), que terá lugar entre os días 5 ao 7 de xuño no centro cultural "Marcos Valcárcel", no Liceo de Ourense e no espazo La Molinera, dirixidas a todo o público.

A presentación desta iniciativa tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; e o director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, Juan Manuel Casares. O vicepresidente do goberno provincial destacou que esta iniciativa "apóiase nunha sólida base científica, adquirida a través de moitos anos e grazas ao esforzo continuado dos investigadores do viño que ven neste sector un atractivo obxecto de estudo e unha industria moi importante para os intereses de Galicia e para Ourense". Rosendo Fernández lembrou que das cinco denominacións de orixe galegas, catro son de Ourense, "sendo o sector do viño un dos eixos estratéxicos da economía da nosa provincia", e salientou "o esforzo das adegas a prol da internacionalización do viño, un magnífico embaixador do territorio e das súas xentes", e o apoio da Deputación de Ourense a este sector ao "desenvolver accións formativas para integrar a mozos no sector a través do Fondo Social Europeo para accións da garantía xuvenil".

Juan Manuel Casares destacou que todas as actividades organizadas no marco desta Semana son de balde. Comezarán o martes 5 de xuño cunha xornada técnica sobre "Os retos da viticultura ante o cambio climático", que terá lugar no centro cultural "Marcos Valcárcel", de 9.00 a 14.00 horas, xornada coa que pretende achegar a realidade do cambio climático, a súa influencia na viticultura e as posibles respostas adaptativas deste sector. Para participar nesta actividade, os interesados deben inscribirse previamente a través da Evega.

Posteriormente, no Liceo, de 16.00 a 19.30 horas, terá lugar un taller práctico de defectos no viño branco, que ten como obxectivo dar a coñecer os novos procesos de detección e corrección nos defectos do viño branco. Para participar, os interesados deben inscribirse previamente a través da Evega. A remate deste obradoiro, no centro cultural "Marcos Valcárcel" desenvolverase unha mesa-faladoiro centrada no viño e a cultura galega e na figura de Ramón Otero Pedrayo.

O 6 de xuño, ás 19.30 horas, o "Marcos Valcárcel" acollerá unha mesa-faladoiro sobre "As mulleres do viño: experiencias galegas" e ao día seguinte, de 9.00 a 14.00 horas, en La Molinera, terá lugar un taller práctico de uso da TIC nas empresas vitivinícolas no que os participantes poderán coñecer as fortalezas e debilidades dunha páxina web así como as ferramentas para mellorala. Pola tarde, de 16.00 a 19.30 horas, terá lugar no Liceo de Ourense un taller práctico sobre os defectos dos viños tintos e os novos procesos de detección e corrección. Por último, ás 19.30 horas, as actividades trasladaranse ao centro cultural "Marcos Valcárcel" coa celebración dunha mesa-faladoiro sobre a vermutería en Galicia e as innovacións.

Juan Casares explicou que esta iniciativa da un salto cuantitativo e cualitativo con respecto á primeira edición, "o primeiro por pasar de cinco a sete actividades, e o segundo porque a Deputación de Ourense pasou de ser unha entidade colaboradora, a ser a co-organizadora deste evento", que volve a repetirse "tralo éxito da pasada edición". Asemade, salientou que o programa combina actividades de carácter técnico, que requiren de previa inscrición a través da páxina web da Evega, con outras de carácter divulgativo para todo o público en xeral, con tres mesas-faladoiro, centradas en diferentes temas vencellados á viticultura.

No acto, o director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, presentou a colleita 17ª do viño da Estación, "un viño institucional, que se fai por terceiro ano consecutivo, orientado ao ámbito protocolario ou formativo que usamos para xornadas, cursos ou catas que organiza a Evega".