Vilariño de Conso acollerá un seminario sobre o desenvolvemento rural e os espazos naturais

  • Esta xornada reunirá do 8 ao 10 de xuño a expertos na materia de contextos territoriais variados que facilitarán a discusión local.

Ourense, 28 de maio de 2018.- O municipio de Vilariño de Conso acollerá do 8 ao 10 de xuño un seminario sobre o "Desenvolvemento rural e os espazos naturais" no que intervirán expertos na materia de contextos territoriais variados que facilitarán a discusión local. Esta iniciativa formativa, na que colabora a Deputación de Ourense, foi presentada hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía; o director da Fundación "Juana de Vega", José Manuel Andrade; e o coordinador do seminario, Valeriá Paül.

O vicepresidente da Deputación de Ourense destacou a idoneidade de celebrar este seminario en Vilariño de Conso dado que ten "cerca do 80% da superficie municipal declarada como protexida, sendo o quinto concello de Galicia con máis territorio incluído dentro dunha figura de conservación da natureza".

Esta acción formativa, cunha duración de 30 horas, centrarase en espazos naturais e desenvolvemento rural nos ámbitos de baixas densidades demográficas que, segundo o director da Fundación "Juana de Vega", enmárcase "dentro da aposta da fundación a prol do desenvolvemento rural de Galicia".

"É un curso no que pretendemos analizar as posibilidades de desenvolvemento rural en territorios que teñen moitos espazos protexidos e con características especiais como é a escaseza demográfica e, para iso, imos contar cun elenco de profesionais de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional con experiencias de Francia, Portugal e mesmo de Italia para coñecer de primeira man cómo se actúa neses territorios moi similares a nós", explico José Manuel Andrade.

Pola súa parte, Valeriá Paül engadiu que se trata de "debater sobre o desenvolvemento rural, qué facer cando a maior parte do municipio é un espazo protexido. A efectos prácticos ten unha normativa que ten unha serie de consecuencias sobre a xestión diaria, e sobre a planificación de actividades de todo tipo. Isto que se pode percibir como algo negativo, nós queremos darlle a volta e converter esta situación nunha oportunidade de primeiro nivel como acontece noutros moitos países, por iso, o fundamental deste seminario é traer transferencias doutros casos, algúns de éxito como o caso de Francia, que teñen parques naturais como instrumento para desenvolver e activar o territorio, e outras experiencias con máis similitudes ao noso territorio como é o caso de Portugal".

Con este seminario tamén "poderemos saber qué proveito, independentemente das funcións de conservación que ten, lle pode sacar Vilariño ao Parque Natural do Invernadeiro", sinalou o coordinador do seminario. Neste senso, a alcaldesa de Vilariño de Conso explicou que con esta iniciativa preténdese "analizar as posibilidades que ofrece o noso concello e poñer en valor o territorio e avaliar os límites e as vantaxes, e ver que no rural se pode vivir, así visitaremos explotacións gandeiras de xente moza que son un garante de que no rural hai futuro".