Medio millar de participantes, no I Campionato galego de piragüismo escolar, en Muíños

  • A Deputación de Ourense colabora con este evento, "que salienta o potencial natural e de infraestruturas con que conta a nosa provincia para os deportes acuáticos", destacou Manuel Baltar na presentación.

Ourense, 23 de maio de 2018.- Máis de medio millar de nenos participarán o vindeiro 2 de xuño no "I Campionato galego de piragüismo escolar "Xogade-Muíños", que se celebra neste municipio ourensán, contando co apoio da Deputación de Ourense. Un evento que, segundo destacou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, "salienta o potencial natural e de infraestruturas con que conta a nosa provincia para os deportes acuáticos, xa que dispoñemos das mellores láminas de auga de Europa e unhas instalación en Laias, Castrelo de Miño, Arnoia e Muíños que permiten combinar a práctica de actividades deportivas de lecer e de alto rendemento, conformando á provincia de Ourense como un dos mellores exemplos de "turismo laranxa", combinando deporte e patrimonio natural", remarcou Baltar.

No acto de presentación do evento, que tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, participou tamén o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez; o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea; Manuel Pérez, responsable de Deportes da Xunta de Galicia en Ourense, e representantes do club "Fontefría", entidade decana do piragüismo na provincia de Ourense.

O campionato, no que se disputarán probas de diferentes categorías referidas ao piragüismo escolar, comezará ás 10.00 horas, centralizando toda a actividade ao longo da xornada do día 2 de xuño nas instalacións deportivas do Corgo, en Muíños.