300 escolares ourensáns homenaxean á escritora Pura Vázquez na "Insua dos Poetas"

  • Conmemorando o centenario do nacemento da escritora e mestra ourensá, neste espazo de natureza, arte e cultura, celebrouse un acto no que literatura, mocidade e música foron os protagonistas.

  • Manuel Baltar destacou a Pura Vázquez como a "mestra da palabra, que abriu en Galicia as portas á literatura infantil e xuvenil" e lembrou que todas as culturas enriquecen, "e nós temos unha propia, o galego".

Ourense, 21 de maio de 2018.- Ao redor de 300 escolares e profesores de sete centros educativos da provincia de Ourense protagonizaron hoxe na Insua dos Poetas (A Esgueva, O Carballiño) un acto de homenaxe á escritora ourensá Pura Vázquez, conmemorando o centenario do seu nacemento. A actividade, presidida polo titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, contou tamén coa participación do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o presidente da Fundación "Insua dos Poetas", Luis González Tosar, e a xefa territorial de Cultura, María Luz Fernández, acompañados por familiares das escritoras Pura e Dora Vázquez e representantes dos ámbitos cultural e social.

Alumnos dos CEIP Virxe da Guadalupe (Avión), Emilia Pardo Bazán (Leiro), Saco e Arce (Toén), e os da capital ourensá Virxe de Covadonga, A Inmaculada, Manuel Luís Acuña e Manuel Sueiro, desenvolveron ao longo da mañá actividades literarias ao redor da figura de Pura Vázquez, homenaxeando á autora coa lectura de poemas e xogos literarios e lembrando a traxectoria da que foi pioneira da literatura en galego para os máis novos. O acto, que contou na parte musical coa participación do grupo "A Roda", rematou xunto ao monumento das irmás Pura e Dora Vázquez, instalado no recinto da "Insua dos Poetas".

Manuel Baltar destacou no seu discurso a Pura Vázquez como a "mestra da palabra, que abriu en Galicia as portas á literatura infantil e xuvenil, e que pensou sempre en clave de infancia e mocidade". "Nesta xornada, na que se conmemora o Día mundial da Diversidade Cultural e o Día europeo da Rede Natura, unimos na Insua dos Poetas precisamente iso, cultura, arte e natureza, para homenaxear a unha das grandes das nosas letras, Pura Vázquez", expresou o presidente provincial, lembrando que todas as culturas enriquecen, "e nós temos unha propia, o idioma galego, a nosa lingua nai".

Manuel Baltar, quen agradeceu aos nenos a súa participación no acto de hoxe, dixo que para a Deputación de Ourense "é moi importante seguir honrando a figura de Pura Vázquez, como xa fixemos en Ourense o pasado Día das Letras Galegas, e como tamén facemos honrando ao longo deste ano a Ben Cho Shey, porque na nosa provincia temos talento e creatividade con exemplos de abondo demostrados ao longo da nosa historia", unha historia cultural e creativa que Baltar simbolizou nas letras "OU", presentes nos nomes de Pura e Dora, dixo, e que en galego representan a "Ourense", figurando tamén en palabras como "you", do inglés, e "oui", do francés, "idiomas, todos, que son elementos de unión entre pobos e culturas, e que no noso caso ten en Pura Vázquez e na súa irmá Dora exemplos de grandiosidade a prol da nosa lingua".

Pola súa banda, Valentín García animou aos escolares "a seguir defendendo e utilizando o noso idioma, no que hoxe homenaxeamos o labor de Pura Vázquez como mestra e creadora literaria", e o alcalde do Carballiño subliñou a relevancia do día de hoxe "no que nos damos cita persoas que cremos na cultura, na liberdade e no arte", remarcando a importancia da colaboración entre a Deputación, o concello do Carballiño e a Fundación "Insua dos Poetas", dixo Francisco Fumega. Luis González Tosar, quen exerceu de mantedor do acto e leu un poema composto por frases que os nenos uniron de distintas creacións literarias de Pura Vázquez, afirmou que neste evento "dialogan a literatura e a natureza, e vós, os nenos, sodes protagonistas desta festa da palabra xunto a Pura Vázquez, a quen honramos".

Carmen Purificación Vázquez Iglesias, Pura Vázquez, naceu en 1918 e faleceu en 2006. Ela e a súa irmá, Dora, mestras ambas, foron pioneiras da literatura infantil e xuvenil, feito que a Deputación de Ourense recoñece desde fai dezaseis anos co premio que leva o nome das escritoras. Como lembrou Manuel Baltar no acto, Pura Vázquez foi nomeada académica correspondente da Real Academia Galega en 1949, a solicitude de Otero Pedrayo e outros intelectuais ourensáns, e desde moi nova publicou os seus textos na prensa galega, sendo os primeiros no diario La Zarpa, que dirixía Basilio Álvarez. En 1943 publicou o seu primeiro libro, Peregrino de amor, e en 1944 a Deputación de Ourense edítoulle a obra Márgenes veladas, o seu primeiro libro en castelán. A institución provincial publicoulle tamén o seu derradeiro traballo, en 2004, Todo vén de esa luz, libro compartido coa súa irmá, Dora.