A Deputación destina 230.000 € a programas formativos e de investigación, e a bolsas de mobilidade para o Campus de Ourense

  • Manuel Baltar e Salustiano Mato asinaron hoxe dous convenios de colaboración entre o goberno provincial e a Universidade de Vigo para desenvolver proxectos de difusión cultural e mobilidade.

Ourense, 8 de maior de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asinaron hoxe dous convenios de colaboración entre ámbalas dúas institucións, segundo os cales, a Deputación de Ourense destina un total de 230.000 euros (220.000 € para proxectos de difusión cultural e 10.000 € para bolsas de mobilidade), que permitirán levar a cabo iniciativas formativas e de investigación, e realizar o programa de bolsas de mobilidade "Ourense Exterior". O acto de sinatura, que tivo lugar no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", contou tamén coa presenza do presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa, e do vicerreitor do Campus de Ourense, Virixilio Rodríguez.

Manuel Baltar destacou "o impulso que experimentou neste anos o Campus de Ourense, algo que para a Deputación merece todo recoñecemento, pois tense significado pola súa organización, ambición e especialización como o campus máis vangardista e de maior calidade da nosa comunidade autónoma". O presidente do goberno provincial subliñou que a Deputación de Ourense "segue nesta liña de colaboración apoiando a unha institución académica que escribe "Ourense" con letras maiúsculas, e de aí a nosa colaboración para levar a cabo iniciativas culturais, sociais e académicas que continúen a achegar valor á nosa provincia e que apoien tamén aos estudantes que son descendentes de emigrantes, razóns todas elas que constitúen o obxecto dos convenios que hoxe asinamos".

Salustiano Mato agradeceu ao presidente Baltar o apoio da Deputación de Ourense e o seu compromiso co Campus de Ourense, remarcando "a importancia desta alianza estratéxica institucional e académica". Nesta mesma liña, Ernesto Pedrosa salientou a filosofía das bolsas de mobilidade "Ourense Exterior" "que son o reflexo do espírito colaborativo de Ourense, e que unen persoas e coñecemento".

O convenio para o desenvolvemento de actividades de difusión cultural ten como obxectivo regular a colaboración entre a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense para a promoción e o fomento de actuacións e programas en materia de cultura, educación e deporte, a desenvolver no Campus de Ourense ou no ámbito territorial da provincia de Ourense.

Neste sentido, a Vicerreitoría do Campus de Ourense promove ao longo de 2018 -dentro da súa programación de actividades de extensión universitaria-, cursos de verán, conferencias, seminarios, aulas e obradoiros, exposicións, roteiros culturais, actividades teatrais e programas para a igualdade e a inclusión. Así mesmo, ven de desenvolver un programa de apoio a mobilidade estudantil, a través do que se conceden axudas complementarias para o alumnado do Campus de Ourense integrados no programa ERASMUS, e un programa de apoio a grupos de investigación.

A Deputación de Ourense achega un total de 220.000 euros, investimento que se destinará ás seguintes iniciativas: Programa de proxección universitaria e actividades culturais (Alterarte, Aulas e Obradoiros, Aulas de formación teatral, Roteiros culturais, Coro, Cursos de Verán, promover a investigación sobre o Entroido, coordinar o traballo previo á reedición da obra "Ourense. Guía monumental", Curso Audiovisual da Fundación "Carlos Casares", Concerto de Nadal, Portugués Perto, e Curso de formación "Didáctica da ficción e creación literaria" e actividades que fomenten a igualdade e inclusión. Ademais, desenvolveranse os programas de "Apoio á mobilidade estudantil para o alumnado do campus" e o de "Apoio a grupos de investigación do campus de Ourense (INOU 2018)". Asemade, a Deputación de Ourense resérvase a posibilidade de programar actividades con cargo a este convenio.

Bolsas de mobilidade

No que atinxe ao convenio para as Bolsas de mobilidade "Ourense Exterior" a Deputación de Ourense achega un total de 10.000 euros. O convenio nace coa finalidade de outorgar bolsas de axuda para facilitar a mobilidade de estudantes descendentes de emigrantes ourensáns, galegos ou españois e para cidadáns estranxeiros para cursar os estudos de mestrado no Campus de Ourense. As estancias proporcionarán aos estudantes a oportunidade de achegarse á cultura dos seus antepasados e de coñecer en profundidade outro sistema universitario. Coa creación das bolsas crease una ferramenta moi útil para dar a coñecer no eido internacional a oferta educativa de calidade que na actualidade está a ofrecer o Campus de Ourense.

Estas axudas, para o curso 2018/2019, cubrirán as taxas de matrícula; unha axuda de 600 € para gastos da viaxe, e 2.500 € para contribuír aos gastos de aloxamento.

A Deputación de Ourense participa no presente convenio cunha achega de 10.000 €, o Consello Social achega 5.500 € e a Universidade de Vigo, 9.000 €. As bolsas van dirixidas ao alumnado residente no estranxeiro que se matricule no curso 2018/2019 na modalidade presencial do primeiro curso dos estudos conducentes ao título de mestrado impartidos no Campus de Ourense.