A romaría etnográfica "Raigame" homenaxea aos fotógrafos ambulantes do rural galego

  • Unha viaxe entre os séculos XIX e XX a través das imaxes cotiás do rural protagoniza a XVII edición "da festa máis importante da provincia de Ourense referida á nosa historia, que pon en valor as tradicións, consolidando a aposta pola cultura propia", afirma Manuel Baltar.

  • Esta Festa de Interese Turístico de Galicia, co-organizada pola Deputación de Ourense e o Concello de Celanova, celebrarase o vindeiro 17 de maio en Vilanova dos Infantes.

Ourense, 17 de maio de 2018.- A XVII edición da romaría etnográfica "Raigame" homenaxea na edición deste ano aos fotógrafos ambulantes de finais do século XIX e ata mediados do XX "que retrataron ao noso pobo e ás nosas xentes, deixándonos así un amplo estudo antropolóxico e etnográfico, documentando momentos relevantes e cotiás da nosa historia", dixo hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na presentación desta edición de "Raigame", a Festa de Interese Turístico de Galicia que se celebrará como vén sendo habitual o 17 de maio en Vilanova dos Infantes, no Concello de Celanova. A presentación tivo lugar esta mañá no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", coa participación do presidente do goberno provincial; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro; e o técnico de Cultura do Concello de Celanova, Antonio Piñeiro.

Manuel Baltar afirmou que "Raigame", "é o evento etnográfico máis importante que ten lugar na provincia de Ourense, vencellado ás nosas letras e ás nosas tradicións, orgullo da traxectoria histórica do noso pobo", destacando que nesta edición se recoñece o labor do Museo Etnolóxico de Ribadavia con Premio "Adolfo Enríquez".

"Raigame" consolida a aposta pola cultura propia que impulsa a Deputación de Ourense co-organizando o evento. A novidade deste ano é a exposición "Etnografía e fotografía", que achega nomes como Pacheco, Francisco Zagala, José Gil y Gil, Ramón Godás, "Ksado", Ruth Matilda Anderson, Xaquín Lorenzo, Chao ou Rizo, "quen coas súas fotografías fixeron historia, fixeron Ourense e Galicia, deixándonos o legado máis importante: a lembranza da vida cotiá das nosas xentes", expresou Manuel Baltar.

Preto dun cento de artesáns participarán este ano na romaría, "os cales encherán as rúas de Vilanova de oficios tradicionais e cultura popular, o cal, xunto ás exposicións e actividades programadas volverán situar un ano máis a Vilanova como punto de encontro da etnografía galega", dixo o alcalde de Celanova. Pola súa banda, Antonio Piñeiro lembrou que "Raigame" "celebra do Día da Cultura Galega no Día das Letras Galegas, poñendo en valor o núcleo de Vilanova e ao Centro de Cultural Popular "Xaquín Lorenzo".

No acto de hoxe tamén se presentou a edición especial da revista "Raigame", dedicada á celebración da romaría. Entre os seus contidos destacan artigos e traballos de investigación sobre os fotógrafos ambulantes; as coleccións fotográficas do Museo Etnolóxico de Ribadavia; o arquivo fotográfico de Xaquín Lorenzo no Museo do Pobo Galego; e José Gil, de "Miss Ledya" ao cinema da emigración. Tamén recolle a revista actividades sobre antigos decorados fotográficos, filatelia e fotografía, xogos populares, teatro e animación na rúa, así como as bases do concurso de fotografía da romaría "Raigame".