"Los Suaves chegaron desde Ourense ata o corazón do rock", afirma Manuel Baltar no acto de entrega do premio da SGAE a Yosi

  • O músico ourensán recibiu esta tarde, no marco de "Ourense ICC Week" o galardón da Sociedade Xeral de Autores, que recoñece "a traxectoria dun autor que serviu de inspiración e estímulo doutros creadores".

  • Música, tecnoloxía, iGames e sector audiovisual, foron os protagonistas hoxe do Marco das Industrias Creativas e Culturais que organiza a Deputación de Ourense.

Ourense, 4 de maio de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe, no acto de entrega do Premio Musa, da Sociedade Xeral de Autores (SGAE), ao compositor e músico de Los Suaves, Yosi Domínguez, que Los Suaves "chegaron desde Ourense ata o corazón do rock, atronando con poesía feita música". O presidente do goberno provincial dixo que este "merecido recoñecemento nacional por parte dos autores incrementa aínda máis a lenda musical dos máis grandes embaixadores ourensáns da música moderna, Los Suaves, banda á que fai uns meses a Deputación de Ourense lle outorgou a Medalla de Ouro da Provincia".

No acto, que tivo lugar no Liceo de Ourense, Baltar destacou a "prolífica carreira" deste grupo de rock, e dixo que a institución provincial seguirá apoiando o legado de Los Suaves, "porque son Ourense, e ao longo de décadas abriron camiño musical e chegaron ao corazón de xeracións de admiradores que ven nas súas composicións paixón, sentimento, e profesionalidade, tres virtudes que aglutina Yosi Domínguez como persoa, como músico e como creador".

A tres días de rematar a exposición máis importante da historia de Ourense, "In tempore sueborum", Manuel Baltar afirmou: "Podemos dicir que a nosa provincia fixo camiño ao longo do tempo desde os Suevos aos Suaves, unindo sempre tradición con modernidade, forza con sensibilidade; un recoñecemento milenario para o primeiro reino medieval de occidente situado neste territorio e tamén, hoxe, recoñecendo a traxectoria do rei da poesía musical: Yosi".

O presidente da SGAE, José Miguel Fernández Sastrón fixo entrega do premio a Yosi Domínguez, nun acto que contou coa presenza de representantes institucionais, culturais e sociais e entusiastas da música de Los Suaves.

Previamente a este acto, tamén no Liceo, tivo lugar a conferencia "A traxectoria dunha muller creativa", a cargo da directora e guionista de cine, Gracia Querejeta, nunha xornada na que as novas tecnoloxías, os videoxogos, a música e o sector audiovisual foron as temáticas protagonistas de "Ourense ICC Week" 2018, que organiza a Deputación de Ourense.

Pola mañá as actividades desenvolvéronse no mosteiro de san Clodio, en Leiro, cunha xornada dedicada aos novos sectores emerxentes e ás TIC. Baixo o título "Unha viaxe cara a sociedade do coñecemento. As mulleres tech", a directora de Imaxin Software, Luz Castro; a enxeñeira e deseñadora gráfica, Cynthia Gálvez; e a avogada e policy manager, Sara Rodríguez; falaron das tendencias de máxima actualidade como son a Realidade Virtual, a Realidade Aumentada, o mundo do Software e a Gamificación e a Economía Colaborativa.

500 inscritos na ICC Game

Asemade, no pavillón do Campus de Ourense tivo lugar, dentro da ICC Game, a inauguración da "ICC Technium R Encounter" e da "ICC eSports", nas que están inscritos máis de 500 participantes e que conta con catro torneos: League Of Legends, Counter Strike Global Offensive, Hearthstone e Super Smash Bros Brawl, con 4.000 euros en premios en torneos dentro da party. Manuel Baltar, quen visitou o pavillón acompañado polo director xeral de "R", Alfredo Ramos; o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, e polos organizadores do evento, afirmou que a creatividade, a innovación e as novas tecnoloxías é algo que a Deputación de Ourense seguirá apoiando. Hai días nos premiaron polo noso proxecto de "Provincia Intelixente", que ten moito que ver coa participación, a innovación e a comunicación, e ese é o camiño para un futuro que xa está aquí".

Tamén esta tarde se celebrou no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" a "ICC Kids", unha actividade enfocada a nenos e mozos, coa participación dos youtubeiros @Chincheto77 e @Tonacho, quen explicaron como fixeron da súa paixón a súa profesión. A xornada remata hoxe co concerto que ofrece Mikel Erentxun, ás 21.30 horas, no Teatro Principal.

Programa para mañá sábado

Mañá sábado as actividades de Ourense ICC Week comezarán na Casa Museo Otero Pedrayo, en Amoeiro, cunha xornada dedicada á xestión cultural, ás 11.00 horas, co título "Xestión de públicos: non quero que veñan, quero que volvan", a cargo da subdirectora artística do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Carlota Álvarez Bassó. O acto será presentado pola xornalista, Marta Gómez. Posteriormente, ás 12.00 horas, terá lugar a entrega dos Premios "Rodolfo Prada Chamochín", un galardón instaurado pola Deputación de Ourense en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, co obxectivo de recoñecer o labor que realizan os xestores culturais en Galicia.

Paralelamente, ás 10.30 horas, nos Xardíns do Padre Feijóo estará o panel da Waterlight graffiti, no marco da "ICC Kids", e completará a programación o obradoiro "Emojinarium" que será ás 12.00 horas no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" a cargo de María Grande no que analizarán os emojis, a linguaxe universal das expresións e os participantes crearán os seus propios personaxes. E, ás 12.00 horas, tamén nos Xardíns do Padre Feijóo dará comezo a "ICC Show Vermú", na que actuarán Rufus T. Firefly, Esposa, Bifannah e Silvia Superstar DJ. Asemade, o humor volverá a ser protagonista, nesta ocasión no Teatro Principal, a partir das 20.00 horas, co espectáculo de Pantomima Full.