Humor, creatividade dixital e videoxogos, en "Ourense ICC Week"

  • O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" e o pavillón do Campus foron os escenarios das actividades programadas esta tarde no Marco das Industrias Culturais e Creativas que organiza a Deputación de Ourense.

Ourense, 3 de maio de 2018.- O humor, a creatividade no mundo dixital e os videoxogos, foron os protagonistas esta tarde en "Ourense ICC Week", que organiza a Deputación de Ourense. Trala xornada da mañá no Mosteiro de San Pedro de Rocas, onde se debateu sobre o patrimonio rupestre europeo, as actividades trasladáronse ata o Centro Cultural "Marcos Valcárcel" para falar sobre a "Supervivencia na xungla dixital", onde participaron os músicos e compositores, Nacho García Vega e Luis Mendo. Os compositores fixeron unha análise do panorama e as oportunidades que ofrece o "entorno dixital", diferenciando os dereitos dos artistas e intérpretes, dos dereitos de autor, e ofreceron a súa opinión da situación actual da música coa chegada de Internet.

Luis Mendo reclamou que "haxa unha remuneración xusta para os intérpretes. Cando unha persoa accede a unha plataforma dixital, pagando ou non, os creadores debemos ter a remuneración xusta". Asemade, dixo que a situación actual é difícil pois "agora ninguén copia un CD, levamos a música no móbil, e estes dereitos son unha parte fundamental nos ingresos que percibe o artista ou intérprete".

Pola súa parte, Nacho García Vega, quen centrou o tema na industria da música no entorno dixital, determinou que se escoita "máis música que nunca, pero a parte creativa e a interpretativa foron perdendo valor. Os hábitos son distintos, agora hai unha tendencia á espontaneidade e á prontitude". Asemade, García Vega destacou que antes había multitude de compañías de discos, agora tres grandes multinacionais e un panorama de selos independentes, que arriscan".

Por outra parte, no pavillón do Campus de Ourense deu hoxe comezo a "ICC Gamers", que inclúe dúas actividades: a "ICC Technium R Encounter" e a "ICC eSports". Tamén no Centro Cultural tivo lugar a mesa redonda sobre o humor e a cultura, moderada polo xornalista Manuel de Lorenzo. Na xornada na que participarán os humoristas Rober Bodegas e Alberto Casado; a blogueira e ilustradora, Raquel Córcoles; e o xornalista Juan Ramón Bonet, abordaranse cuestións como a importancia de que o receptor se identifique coa viñeta ou co sketch, para que o humor funcione. Ademais, falaron dos tópicos, do medo a repetirse no humor, das diferenzas xeográficas no humor, entre outras temáticas que foron obxecto de debate.

Programación para o venres

Mañá venres, 4 de maio, as actividades trasladaranse ao mosteiro de San Clodio, en Leiro, onde a partir das 10.30 horas, falarase da creatividade e do sector TIC, baixo o título "Unha viaxe cara a sociedade do coñecemento". Abrirá a xornada a directora de Imaxin Software, Luz Castro, quen falará da gamificación e software galego. Ás 11.30 horas, será a enxeñeira e deseñadora gráfica, Cynthia Gálvez, quen ofrecerá un relatorio sobre "AV. VR. MR.: Alén da tecnoloxía", e rematará, ás 12.30 horas, a avogada e policy manager, Sara Rodríguez, falando de economía colaborativa.

Posteriormente, ás 13.00 horas, as actividades da "Ourense ICC Week" continuarán no pavillón do Campus de Ourense coa inauguración da "ICC Technium R Encounter", na que participarán o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar; o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez; e o director xeral de R, Alfredo Ramos.

Pola tarde, ás 16.30 horas, será a quenda para os máis cativos cunha xornada de cultura contemporánea para nenos, no marco da "ICC Kids". A actividade "Xogas ou traballas?", que terá lugar no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", correrá a cargo dos youtubeiros @Chincheto77 e @Tonacho que explicarán cómo fixeron da súa paixón a súa profesión.

Ás 18.00 horas, as actividades trasladaranse ao Liceo de Ourense onde será protagonista o sector audiovisual. Alí o presidente da AGAG (Asociación Galega de Guionistas), Nico Campos, e a directora e guionista de cine, Gracia Querejeta, falarán "Do papel á pantalla: a traxectoria dunha muller creativa". E, nese mesmo centro, ás 19.30 horas, será a quenda para "Autores e Creadores" coa entrega do galardón Premio MUSA SGAE a cargo do presidente da SGAE, José M. Sastrón, ao músico e compositor de Los Suaves, Yosi Domínguez. A xornada rematará con música, ás 21.00 horas, no Teatro Principal, co concerto de Mikel Erentxun.