Manuel Baltar defende "os nosos grandes valores: idioma e cultura" nos actos do Día da Auga, da Árbore e da Poesía, na Insua dos poetas

  • O presidente provincial destacou no seu discurso que si somos galegos "é porque o noso pobo salvagardou a cultura propia e soubo conservar o idioma, o que vai unido á nosa cultura, á nosa etnografía e ao noso medio ambiente".

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar dixo hoxe na celebración do "Día da Auga, da Árbore e da Poesía", nun acto celebrado na Insua dos Poetas, en Madarnás (O Carballiño), que esta é unha actividade "chamada a medrar e a ter continuidade, porque teño a convicción de que si somos galegos é porque soubemos salvagardar os nosos grandes valores: o idioma e a cultura, e conservalos no tempo, igual que a nosa etnografía e o medio ambiente".

O presidente provincial subliñou que estamos na Insua, convocados pola fundación que a representa, para desenvolver un programa orientado, fundamentalmente a escolares e estudantes aos que felicitou xunto cos seus profesores por responderen á convocatoria da Auga, da Árbore e da Poesía. "A vosa resposta é unha proba evidente do compromiso da xuventude co desenvolvemento sostible, coa protección da natureza, coa defensa do noso medio ambiente".

Á celebración do Día da Auga, da Árbore e da Poesía asistiron tamén o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez; o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, e os escritores Xosé Luís Méndez Ferrín e Luís González Tosar. A introdución do acto estivo ao cargo de Xabier Castro Martínez (Secretario da Fundación), quen deu lectura á declaración de Irina Bokova, directora xeral da UNESCO, no Día Mundial da Poesía.

No acto participaron alumnos do IES nº1 e dos Colexios Sagrado Corazón, Vila do Arenteiro e Calvo Sotelo, e realizouse unha plantación de árbores a cargo dos escolares, escritores e artistas.

A Fundación "Insua dos Poetas" conmemora estas tres efemérides, coincidindo co equinoccio de primavera, coa colaboración do Concello do Carballiño, a Deputación de Ourense e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: por unha banda, o Día da Auga, proposto pola Conferencia da ONU para o Medio Ambiente e o Desenvolvemento en Rio de Janeiro, en 1992, e adoptado pola Asemblea Xeral, o 22 de decembro do mesmo ano, no que se recoñece a auga potable e o saneamento básico como un dereito esencial para o desfrute da vida e de todos os dereitos humanos.

Tamén se recoñece o Día da Árbore -tamén chamado Día Forestal Mundial-, recomendado polo Congreso Forestal celebrado en Roma en 1969 e aceptado pola FAO (Organización da ONU para a Agricultura e a Alimentación), en 1971, como recoñecemento aos múltiples servizos que prestan as árbores á vida e á actividade humana, ademais do simbolismo que representan nas diferentes culturas.

E finalmente, o Día da Poesía, adoptado durante a 30ª Reunión da UNESCO, celebrada en París en 1999 e que se ven celebrando desde o 2000 en todo o mundo co obxectivo de contribuír á defensa de todas as linguas do mundo a través da expresión poética, denunciando, asimesmo, as privacións da liberdade de expresión.

A Fundación "Insua dos Poetas", declarada de Interese Galego, ten como fins a promoción e o fomento da lingua e da cultura galegas, a defensa do medio natural e o diálogo entre natureza, artes plásticas e literatura. Polo tanto, a celebración da Auga, da Árbore e da Poesía, cada 21 de marzo, terá como destinatarios ás xeracións máis novas, representadas polos alumnos dos centros de Ensino do Carballiño.