Ourense e Portugal irmándanse a través da historia común do mundo suevo

  • O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou hoxe na cidade de Braga, xunto ao presidente da cámara municipal e destacados historiadores lusos, na primeira presentación internacional da exposición In tempore sueborum, a mostra máis visitada na historia de Ourense.

  • Baltar dixo que a Deputación de Ourense, "no seu empeño por seguir abrindo novas páxinas da nosa historia puxo en marcha este singular proxecto que une a dez países e 39 museos de Europa -destacando a participación de Portugal-, para pór a disposición do público unha mostra de 262 pezas, sendo a primeira vez que poden contemplarse xunta".

Ourense, 16 de abril de 2018.- "A historia do mundo suevo une a Ourense e Portugal no territorio común onde compartiron cultura e etnografía". Así o expresou hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na primeira presentación internacional da exposición In tempore sueborum, que tivo lugar esta tarde na cidade de Braga (Portugal), acto no que tamén participou o presidente da Cámara Municipal, Ricardo Río, e destacados historiadores como os directores do museo "Diogo de Sousa", Isabel Silva, e do museo "Pío XII", José Paulo Leite de Abreu,

"Únennos séculos dunha historia ata o a de agora descoñecida en moitos casos, a do pobo suevo, que tanta importancia tivo para a Gallaecia, ata o punto de constituír no noso territorio o primeiro reino medieval de Occidente", afirmou Manuel Baltar, destacando que a Deputación de Ourense, "no seu empeño por seguir abrindo novas páxinas descoñecidas da nosa historia e a nosa cultural puxo en marcha este singular proxecto que une a dez países de Europa e 39 museos, do que cabe subliñar a participación de Portugal; unha iniciativa cultural na que poñemos a disposición do público unha mostra de 262 pezas, sendo a primeira vez na historia que poden contemplarse xuntas".

"É o noso compromiso coa historia, a nosa homenaxe a un pobo, o suevo, que contribuíu a facer Ourense, Galicia e Portugal, e que merece estar presentes polas importantes achegas que nos deixou nos ámbitos etnográfico, social e cultural", destacou Baltar, quen agradeceu o apoio do Goberno portugués e do goberno municipal de Braga, así como o de todas as autoridades portuguesas "que están a colaborar para que In tempore sueborum siga medrando en visitantes, en promover estudos científicos e, en definitiva, para que esta exposición sexa recordada como o que é: a mostra máis importante de Europa sobre o mundo suevo", trasladando tamén os seus parabéns "ao equipo que fixo posible esta proeza cultural, á fronte do cal está o profesor Jorge López Quiroga, comisario da exposición".

Pola súa banda, Ricardo Río agradeceu a presenza do presidente da Deputación de Ourense en Braga, "neste importante acontecemento que permite divulgar entre os bracarense e no resto de Portugal un período moi destacado da nosa historia conxunta entre Ourense e o norte de Portugal", e salientou que a partires desde proxecto continuaremos a intensificar as relacións entre Braga e Ourense para seguir afondando nas raíces do que nos une".

"In Tempore Sueborum" reúne por primeira vez o maior número de pezas da época do primeiro reino suevo de occidente, localizado no territorio da Gallaecia (411-585), amosando un total de 262 elementos procedentes de 39 museos de 10 países: España, Portugal, Austria, República Checa, Hungría, Eslovaquia, Polonia, Bélxica, Francia, Alemaña. Os tres espazos expositivos da cidade de Ourense están organizados segundo as temáticas: o Centro Cultural "Marcos Valcárcel" abrangue a deconstrución dos bárbaros; a Igrexa de Santa María Nai acolle o proceso de cristianización na Gallaecia da época sueva, e o Museo Municipal amosa o ámbito social e organizativo dos suevos cos galaico-romanos. A exposición permanecerá aberta ata o 6 de maio.

Segunda edición do catálogo

No mesmo acto presentouse a segunda edición do catálogo de In tempore Sueborum, unha publicación cualificada como un fito na historiografía sobre o chamado mundo bárbaro, no que se encadran os suevos. Trátase dun traballo coral preparado por máis de 60 especialistas, e dividido en tres bloques que se corresponden cos tres espazos expositivos onde se exhibe a mostra: o Centro Cultural Marcos Valcárcel, a Igrexa de Santa María Nai e Museo Municipal de Ourense.

A versión en papel do catálogo consta de 552 páxinas ten un prezo de 20 euros. O texto, en galego, español e inglés, analiza a realidade dos bárbaros, a súa composición e relacións cos romanos, e explica amplamente sobre este particular a creación bárbara, unha historia contada para a elite imperial. Nas súas páxinas é posible consultar os datos científicos de todas as pezas exposta na mostra, e aporta abundante bibliografía que actualiza este campo da investigación da Antigüidade Tardía. A vindeira publicación prevista é un volume con 60 estudios científicos sobre a mostra, do que son autores investigadores de varios países de Europa.