Aprobadas as bases do XXXVII Premio "Blanco Amor" e do XV Premio "Pura e Dora Vázquez"

Ourense, 6 de abril de 2018.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá as bases reguladoras da XXXVII edición do Premio "Blanco Amor" de novela longa e da XV edición do Premio de narración e ilustración "Pura e Dora Vázquez".

No Premio "Blanco Amor" poderán participar todos os autores que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega segundo a normativa oficial, e as obras presentadas deberán ser inéditas. As novelas terán unha extensión mínima de 150 folios mecanografados ou escritos en ordenador (fonte Times New Roman, tamaño de fonte 12) a unha soa cara e a dous espazos, ou de 75 folios mecanografados ou escritos en ordenador (fonte Times New Roman, tamaño de fonte 12) a dúas caras e a dous espazos. Así mesmo de cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite, dirixido á Deputación de Ourense, rúa Progreso n.º 32, 32003 Ourense, facendo constar no exterior "Para o XXXVII Premio Blanco Amor". Nun sobre anexo, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e o enderezo do autor ou autora e, de ser posible, o seu teléfono e enderezo electrónico.

O prazo para presentar as obras rematará o venres, 14 de setembro de 2018, coincidindo co cento vinte e un aniversario do nacemento, en Ourense, de Eduardo Blanco Amor. O xurado do certame, que será nomeado pola Deputación de Ourense e a Fundación Eduardo Blanco Amor, estará composto por cinco membros de recoñecido prestixio no ámbito da cultura galega.

O premio, que se poderá declarar deserto de non existir obras de calidade adecuada a xuízo do xurado, estará dotado con 15.000 euros e unha obra escultórica. Asemade, a concesión do premio implicará a cesión ao autor dos dereitos da primeira edición en lingua galega da obra,a cal deberá realizarse nun prazo máximo dun ano dende a data da entrega do premio, quedando sen efecto a cesión no caso de que no dito prazo non se leve a cabo. E, as obras que non sexan premiadas devolveránselles aos autores que o soliciten nun prazo dun mes contado dende o día do veredicto. En caso de non recollerse dentro deste prazo os orixinais serán destruídos.

A entrega do premio terá lugar nun acto literario organizado pola Deputación de Ourense e a Fundación Eduardo Blanco-Amor, o sábado 1 de decembro de 2018, trinta e nove cabodano do autor de A Esmorga.

XV Premio "Pura e Dora Vázquez"

No que atinxe ao XV Premio "Pura e Dora Vázquez", na modalidade de narración poderán presentarse autores de calquera nacionalidade, sempre que presenten os seus orixinais en lingua galega. As narracións terán temática libre, adaptada a un público infantil ou xuvenil, e os textos serán inéditos e totalmente orixinais. Os textos presentados deberán ter unha extensión mínima de 25 páxinas e máxima de 100 páxinas, formato A4, sempre escritos en programa Word, fonte tipográfica Times New Roman, tamaño de letra 12 puntos e interliñado 1,5.

A presentación dos orixinais poderá realizarse de maneira presencial entregando un exemplar da obra en sobre pechado, indicando no seu exterior "Premio Pura e Dora Vázquez, modalidade de narración" na oficina de asistencia ao cidadán en materia de rexistros, ou remitindo por correo certificado o exemplar da obra en sobre pechado, indicando no seu exterior "Premio Pura e Dora Vázquez, modalidade de narración", ao enderezo: Deputación Provincial de Ourense, Rexistro Xeral, rúa do Progreso, 32 (32003 – Ourense).

As obras remitidas irán asinadas exclusivamente con pseudónimo. Dentro do sobre introducirase outro sobre pechado en cuxo exterior figurará o pseudónimo do autor e título da obra, e no seu interior os seguintes datos: título da obra, nome apelidos e pseudónimo do autor, enderezo postal, teléfono, enderezo electrónico e unha fotocopia do DNI. Se as obras se remiten por correo certificado, deberá remitirse por correo electrónico á dirección This email address is being protected from spambots. You need JavaScript enabled to view it. unha copia do xustificante do envío emitido pola oficina postal. Os interesados en participar teñen de prazo para presentarse ata o día 31 de maio de 2018.

O premio, que poderá ser declarado deserto no caso que o xurado así o considere, está dotado con 1.500 euros.

O xurado do certame estará composto polos seguintes membros: o presidente da Deputación de Ourense ou persoa na que delegue, e catro vogais escollidos dos distintos ámbitos da Cultura de Galicia, actuando de secretaria a Xefa da Sección de Arquivo e Publicacións da Deputación Provincial de Ourense ou funcionario en quen delegue.

A Deputación de Ourense, resérvase os dereitos da primeira edición da obra premiada nos idiomas galego e castelán, coa posibilidade de cederlles tales dereitos a terceiros. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar, expresamente, a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente vinte exemplares da obra premiada. Asemade, os orixinais non premiados poderán retirarse nos dous meses seguintes ó veredicto. Rematado ese prazo os que non se retiren, serán destruídos.

No relativo á modalidade de ilustración as bases recollen que poden concorrer ao premio ilustradores de calquera nacionalidade que presenten as súas ilustracións e orixinais, non menos de dez, tomando como base o texto premiado na modalidade de narración deste «XV Premio Pura e Dora Vázquez» de narración xuvenil.

As ilustracións deberán adaptarse ao tamaño do libro, que será o seguinte: Ilustración de portada: 145 x 210 mm., tamaño visible da portada co libro pechado, sen sangue. 513,6 x 216 mm., tamaño total incluído solapas, contraportada e sangue; e as ilustracións interiores: 296 x 216 mm., sobre páxina con sangue. A presentación dos traballos réxese polas mesmas regras que na modalidade de narración, rematando o prazo de admisión de orixinais o día 3 de setembro de 2018. O premio, que poderá ser declarado deserto, no caso que o xurado así o considere, está dotado con 1.500 euros.

O xurado desta modalidade tamén estará composto polo presidente da Deputación de Ourense ou persoa na que delegue, e catro vogais escollidos dos distintos ámbitos da Cultura de Galicia, actuando de secretaria a Xefa da Sección de Arquivo e Publicacións da Deputación Provincial de Ourense ou funcionario en quen delegue

A Deputación de Ourense resérvase os dereitos da primeira edición da obra premiada nos idiomas galego e castelán, coa posibilidade de cederlles tales dereitos a terceiros. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar, expresamente, a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente vinte exemplares da obra premiada. Ao igual que na modalidade de narración, os orixinais non premiados poderán retirarse nos dous meses seguintes ó veredicto. Rematado ese prazo os que non se retiren, serán destruídos.

A Deputación de Ourense publicará a obra premiada, tanto o texto como as ilustracións, e distribuirá gratuitamente os exemplares necesarios para os centros de lectura da provincia de Ourense (bibliotecas, centros de ensinanza, asociacións e entidades culturais), e disporá de exemplares para a súa distribución venal nas condicións establecidas na Ordenanza reguladora de Publicacións publicada no BOP do día 19 de novembro de 2013.

Cooperación

No apartado de Cooperación, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 30.000 euros para o Liceo de Ourense destinada a gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao ano 2018. Outra das axudas aprobadas foi para a Real Academia Galega por importe de 30.000 euros para os gastos de funcionamento da entidade do ano 2018. Para Sarabela, SL, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 15.000 euros para o Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO 2017). Por último, aprobou unha axuda de 60.000 euros para o Concello de Avión destinada aos gastos de mantemento da Escola Infantil Municipal de Avión. Asemade, na reunión aprobouse a ratificación do convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, con data 19 de febreiro de 2018, polo que a Deputación de Ourense destinará 220.000 euros para o desenvolvemento de actividades de difusión cultural no Campus de Ourense.

Deportes

Por último, a Xunta de Goberno aprobou conceder unha bonificación do 60% no prezo público polo uso das instalacións deportivas no Pazo dos Deportes Paco Paz á Federación Galega de Ximnasia.