O Centro Cultural da Deputación de Ourense recibirá o nome de “Marcos Valcárcel”

Manuel Baltar fixo hoxe público o anuncio “en recoñecemento póstumo á traxectoria do insigne historiador, escritor e lingüista ourensán”. A iniciativa, do Grupo Popular da Deputación, será levada ao pleno o vindeiro 31 de maio. O Centro Cultural da Deputación de Ourense pasará a denominarse “Centro Cultural Marcos Valcárcel”, en recoñecemento póstumo ao insigne historiador, escritor e lingüista ourensán, quen ao longo da súa vida se caracterizou pola súa defensa dos valores culturais e sociais de Galicia, e sinaladamente de Ourense. Así o anunciou hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, nunha comparecencia diante dos medios de comunicación, acompañado pola viúva de Marcos Valcárcel, María Xosé Picouto, e do deputado provincial de Cultural, Antonio Mouriño.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou que Marcos Valcárcel “naceu en Ourense, traballou en Ourense, investigou en Ourense e compartiu a súa sapiencia cos ourensáns, nesa permanente bonhomía que era a súa traza de identidade. Pero, sobre todo, Marcos Valcárcel amaba Ourense”. “Por elo –subliñou Baltar-, que o Centro Cultural da Deputación de Ourense leve o seu nome é unha mostra de gratitude da sociedade ourensá para quen deu tanto amor en forma de intelectualidade á súa terra”.

Baltar destacou que unha terra como Galicia, que atesoura a singularidade dunha fala, dunha cultura, dunha historia e dunhas tradicións seculares, “ten a obriga de seguir mantendo acesa esa chama do noso ámbito cultural propio, para que o respecto pola nosa cultura estea sempre presente nas nosas vidas, algo que foi unha sinal de identidade en Marcos Valcárcel: o seu galeguismo e a súa ourensanía”.

Manuel Baltar anunciou tamén que a Deputación de Ourense está a tramitar o expediente para o outorgamento a Marcos Valcárcel da Medalla de Ouro da Provincia de Ourense, a título póstumo, conforme ao disposto no Regulamento de Honores e Distincións da Deputación.

Pola súa banda, Antonio Mouriño dixo que Ourense ten un referente indiscutible como foi a Xeración Nós, e moitos outros movementos sociais e culturais aos que se foron sumando persoeiros de todos os ámbitos sociais, políticos e culturais, entre eles Marcos Valcárcel, para engrandecer á que foi dada en chamar a "Atenas de Galicia", acollida no sentimento senlleiro e singular da Ourensanía”.

Logo fai facer un ano desde a instauración dos "Premios da Ourensanía", un recoñecemento que distingue anualmente ás persoas ou colectivos que destaca pola súa defensa dos valores desta terra nos diferentes ámbitos da vida económica, social, empresarial e cultural. E foi, precisamente, no Centro Cultural da Deputación de Ourense onde se celebrou a primeira gala de entrega destes premios, un Centro Cultural que vén de cumprir dez anos de existencia, e que é un espazo expositivo para artistas noveles e consagrados e un punto de encontro para o debate social e cultural, recoñecido como un referente cultural en Ourense, en Galicia e no resto de España.

"Este entorno, que mestura como ningún outro sitio, cultura e sociedade merece, pola súa traxectoria, pola súa calidade e pola súa importancia levar o nome dun persoeiro de gran traxectoria, de contrastada calidade –humana e profesional- e de gran importancia polos seus saberes, como foi o historiador e escritor Marcos Valcárcel", lembrou Antonio Mouriño.

Pola súa banda, a viúva do historiador, María Xosé Picouto agradeceu á Deputación de Ourense que fose quen de levar adiante esta iniciativa "porque con ela queda recoñecido o labor cultural de Marcos, sempre moi vencellado a Ourense".

Os trámites para levar a cabo o cambio do nome do Centro Cultural pasarán á comisión informativa de Educación, Cultura e Deportes da Deputación, e de aí ao pleno da corporación provincial do vindeiro 31 de maio, para a adopción do acordo da nova nomenclatura do espazo expositivo, que pasará a denominarse "Centro Cultural Marcos Valcárcel".

CV de Marcos Valcárcel

Marcos Valcárcel (Ourense, 3 de marzo de 1958 - 5 de decembro de 2010) foi historiador, doutor en Xeografía e Historia, na especialidade en Historia Contemporánea, ademais de catedrático de Lingua e Literatura Galega de ensino medio. Asemade foi patrón da Fundación Curros Enríquez e da Fundación Carlos Casares. Académico correspondente da Real Academia Galega, dedicou toda a súa vida á investigación e a divulgación da historia contemporánea de Galicia e fundamentalmente de Ourense, centrándose nalgúns dos principais pensadores, xornalistas, escritores e políticos ourensáns, e tendo unha mirada especial á evolución social e política de Galicia entre os anos que van do comezo do século XX ata a Guerra Civil.

O seu primeiro gran traballo de investigación foi “A prensa en Ourense e a súa Provincia” (1987), publicado pola Deputación de Ourense e que constitúe un catálogo imprescindible para coñecer a evolución do xornalismo en Ourense. O último traballo que tivo oportunidade de ver a luz, xa coa súa enfermidade avanzada, foi “Historia de Ourense”, un libro que resulta imprescindible para coñecer a evolución da cidade ourensán dende o seu nacemento termal ata os nosos días e que está escrito dende a sinxeleza do divulgador que tamén soubo ser, non só a través dos seus libros, senón tamén por medio das súas innumerables colaboracións xornalísticas das que dan fe os principais medios de comunicación escritos galegos.

Como xestor cultural, Marcos Valcárcel tivo un protagonismo esencial na fundación do Clube Alexandre Bóveda, na compaña doutros destacados e activos xestores culturais ourensáns como Benito Losada, Afonso Vázquez-Monxardín, César Ansias, etc., colectivo que capitalizou a xestión cultural da cidade e incluso dalgúns lugares da provincia na década dos 90. Posteriormente fundou, con varios dos seus amigos, o proxecto editorial “Auria” que deu a coñecer algunhas obras perdidas sobre a historia de Ourense e no que tamén publicou a compilación poética “Ourense, craro río verde val”.

Un dos principais méritos do traballo realizado por Marcos Valcárcel ó longo da súa vida foi, sen dúbida, o de ter sido quen de peneirar axeitadamente os seus profundos coñecementos sobre a historia contemporánea de Ourense e trasladalos ó lector a través de diversos formatos dun xeito ameno e sinxelo, sendo quen de poñer a historia ó servizo do lector común, o que lle deu un gran prestixio como divulgador.

O seu contacto cos medios de comunicación no se quedou soamente no traballo de investigación histórica, senón que se implicou activamente neles. Asemade, foi un dos primeiros ourensáns en trasladar o xornalismo á rede ó abrir o blog “As uvas na solaina” que o colocou como centro de referencia e ágora de debate para infinidade de blogeuiros, non só da provincia de Ourense, senón de toda Galicia.