Mikel Erentxun e Morgan, protagonistas da "ICC Music" da Deputación de Ourense

  • Manuel Baltar e os coordinadores da "Ourense ICC Week" presentaron hoxe o apartado musical da IV edición da Semana das Industrias Culturais e Creativas.

  • O cartel musical, programado para os días 2 ao 5 de maio, complétase coa "ICC Show Vermú" na que actuarán Rufus T. Firefly, Esposa, Bifannah e Silvia Superstar DJ.

Ourense, 1 de marzo de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto aos coordinadores da "Ourense ICC Week", Juan Rivas e Manuel Araujo, presentaron hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" a "ICC Music" 2018, que terá como protagonistas a Mikel Erentxun e á banda musical Morgan, completándose o programa coa sesión "ICC Show Vermú" na que actuarán Rufus T. Firefly, Esposa, Bifannah e Silvia Superstar DJ, enchendo así o apartado musical desta IV edición da Semana das Industrias Culturais e Creativas que terá lugar do 2 ao 5 de maio, organizada pola Deputación de Ourense.

Manuel Baltar destacou que a "Ourense ICC Week" é "un evento consolidado que converte durante uns días a Ourense en centro de debate, de vangarda e innovación no ámbito da creatividade en calquera das súas disciplinas, e adquire un valor engadido por desenvolverse en enclaves históricos e patrimoniais da nosa provincia".

O presidente do goberno provincial adiantou que nos vindeiros días darase a coñecer a programación completa da cuarta edición da Semana das Industrias Culturais e Creativas, pero hoxe "presentamos unha das súas vertentes máis importantes, a música, en espazos pechados e na rúa, que traen a Ourense, durante eses días, a persoeiros relevantes do ámbito musical, figuras emerxentes e tamén consolidadas do panorama musical español".

Juan Rivas detallou a programación musical da "ICC Music", que comeza o mércores, 2 de maio, ás 21.00 horas, coa banda Morgan, que actuará no Teatro Principal da Deputación de Ourense. A música continuará o venres, 4 de maio, ás 21.00 horas, de novo no Teatro Principal, coa actuación de Mikel Erentxun. As entradas, que estarán dispoñibles a partir de mañá en ataquilla.com, terán un custo anticipado de 12 euros e de 15 euros en taquilla.

Pola súa parte, Manuel Araujo explicou a "ICC Show Vermú" que terá lugar o día 5 de maio, e na que haberá "unha representación moi variada do panorama nacional da música independente, nunha sesión musical que será gratuíta, e na que actuarán Rufus T. Firefly, Esposa, Bifannah e Silvia Superstar DJ, que encherán de música os Xardíns Padre Feijóo, desde as 12.00 ata as 16.00 horas".