A Deputación de Ourense presenta o Observatorio Económico da Comarca de Valdeorras

  • A forte especialización sectorial e a dependencia do sector da lousa, lastrado pola caída das exportacións, fan que Valdeorras sexa a comarca ourensá con maior rebrote dos efectos da crise.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o xerente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), José Manuel Rodríguez, acompañados polo o tenente de alcalde do Barco, Eduardo Ojea, presentaron hoxe no edificio multiusos do Barco o Observatorio Económico Ourensán da Comarca de Valdeorras, que abrangue os concellos do Barco, O Bolo, Carballeda, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras.

As conclusións máis destacadas do informe reflicten que a forte especialización sectorial, e nomeadamente a dependencia do sector da lousa, lastrado pola caída das exportacións, fai que Valdeorras sexa a comarca ourensá con maior rebrote dos efectos da crise durante o último ano. Está á cabeza da provincia en perda neta de unidades locais desde 2007, cunha redución de algo máis dun centenar de centros de traballo. Na estatística de evolucións das afiliacións á Seguridade Social contrasta a boa resistencia que mantivo ata comezos de 2011 e o deterioro sufrido nos dous últimos anos. Mentres, en paro rexistrado marca o cuarto incremento provincial máis pronunciado.

Entre os anos 2007 e 2011 (últimos datos dispoñibles polo Instituto Galego de Estatística), Valdeorras rexistrou unha perda neta de 106 centros de traballo, que equivale a unha redución do 5,1%. Con estas cifras, figura no Observatorio Económico Ourensán como a comarca da provincia con maior diminución, por diante de Terra de Celanova, que perdeu 97. En variación porcentual, Valdeorras asina o cuarto peor rexistro, xa que o descenso acadou díxitos máis acusados noutras tres áreas da provincia: do 10% en Caldelas, do 7,7% en Celanova e do 5,3% en Viana.

A perda neta de centros de traballos rexistrada por Valdeorras foi seis veces superior á da media da provincia de Ourense, onde a redución marcou unha taxa do 0,9%.

Outro dato negativo é o feito de que a cabeceira comarcal, O Barco, non lograra frear a caída neta de unidades locais ou centros de traballo, a diferenza doutras comarcas que mesmo conseguiron aumentar o seu censo empresarial durante a crise: Allariz, nun 12%; Pobra de Trives, nun 6,4%; Verín, nun 5,6%; Xinzo de Limia, nun 5,3%; O Carballiño, nun 2,7%; e Ourense, nun 0,12%.

A diminución que se produciu no Barco de Valdeorras foi incluso superior á do conxunto da comarca, ao situarse no 7,6%. Esta taxa de variación negativa só se viu superada pola de dúas cabeceiras comarcais: Castro Caldelas, cunha baixada do 15,3%; e Bande, cun descenso do 12,8%. Entre os demais municipios da comarca valdeorresa, tres deles conseguiron aumentar en plena crise o número de centros de traballo, e nos tres casos con incrementos no contorno do 5 por cento. Así, Petín impulsou ese censo de actividade no 5,9%, Rubiá no 5,5% e A Veiga no 4,2%.

No lado contrario, as caída máis acusada deuse no Bolo, cunha variación negativa do 18,6%. Nos demais concellos, a oscilación moveuse entre a baixada do 0,5% na Rúa e de preto do 8% en Carballeda de Valdeorras e en Larouco.

Seguridade Social

O mercado laboral de Valdeorras ofrece dúas realidades ben distintas en función do período de tempo que se analice. No conxunto dos cinco anos de duración da crise está entre as tres comarcas ourensás con menor perda de afiliacións á Seguridade Social, pero no último ano ocupa a posición inversa, xa que é a terceira comarca con maior caída de afiliados.

Desde o ano 2008 sufriu a perda do 5,3% das afiliacións á Seguridade Social. Só dúas comarcas presentan menos efectos da crise neste parámetro. Son os casos de Verín, cunha baixa de afiliacións que se cifrou no 4,7%; e de Allariz-Maceda, cun 5,1% menos. Sen embargo, Valdeorras marcou no último ano unha taxa de variación negativa do 4,9%, o terceiro peor rexistro, tras Terra de Celanova (-5,8%) e O Ribeiro (-5,4%).

Os contrastes temporais fan que Valdeorras estea por debaixo da media provincial de redución das afiliacións entre 2008 e 2012, pero por encima dese rexistro medio si só se analiza o ano 2012. É dicir, desde o 2011 Valdeorras acusa un deterioro do mercado laboral superior ao da media da provincia. En taxa de variación interanual duplica o descenso medio de afiliados no conxunto de Galicia e de España.

Na cabeceira de comarca, o descenso desde 2008 limitouse ao 2,6%. Trátase do noveno mellor rexistro entre os 92 municipios da provincia. Nesta estatística só aparece superado polos catro únicos concellos da provincia que lograron incrementar afiliados durante a crise (Barbadás, San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar e Allariz) e por outros catro municipios con recortes inferiores ao 2,5% (O Carballiño, Verín, Monterrei e Baños de Molgas).

Os municipios da comarca con peor comportamento das afiliacións durante a crise económica son Carballeda de Valdeorras, Larouco e Rubiá, os tres con descensos superiores ao 15%. E no último ano, o deterioro tamén se concentrou nestes tres mesmos concellos, con caídas interanuais por enriba do 10%.

A diferenza do que acontece coas afiliacións á Seguridade Social, no paro rexistrado Valdeorras mantén unha posición bastante estable ao longo do periodo de crise. Tanto no ranking comarcal do último ano como no do acumulado entre 2008 e 2012, aparece como a cuarta comarca ourensá con maior crecemento porcentual do número de parados.

O incremento do último ano acadou o 13,7%, un nivel similar ao das comarcas do Carballiño e Celanova, mentres que entre 2008 e 2012 sufriu un aumento do 43,7%, só inferior aos rexistros do Carballiño (57,6%), Allariz-Maceda (53,4%) e Ourense (53%). Entre as cabeceiras comarcais, O Barco só presenta incrementos da paro inferiores aos de outras catro capitalidades comarcais: Allariz, O Carballiño, Ourense e Xinzo de Limia. No Barco, o crecemento do paro desde o inicio do crise sitúase por enriba do 43% e o do último ano achégase ao 14%.

A Veiga e Rubiá encabezan as subidas provinciais do paro rexistrado

Dous dos dez concellos ourensáns con maior incremento do paro no último ano están na comarca valdeorresa. A Veiga marca teito provincial no 50% de subida, xusto por enriba de Rubiá, onde aumentou un 49%.

No acumulado desde o inicio da crise, Rubiá repite entre os cinco concellos da provincia con maior repunte do paro, un 89%, e Larouco figura como o sexto municipio con peor comportamento, cunha subida do 85%. No terreo positivo, Petín presenta no conxunto da provincia o séptimo menor incremento do paro desde 2008, ao limitar a subida ao 7,5%.

Sector tecnolóxico

A comarca valdeorresa presenta un nivel de especialización alto nos sectores de manufacturas de tecnoloxía media-alta, segundo constata o Observatorio Económico Ourensán. Os sectores manufactureiros de tecnoloxía media-alta son a industria química, a fabricación de material e equipamento eléctrico, a fabricación de material e outro equipamento, a fabricación de vehículos de motor e doutro material de transporte, e a fabricación de instrumentos e fornecementos médicos e odontolóxicos.

Valdeorras é a terceira comarca ourensá con máis afiliados á Seguridade Social nos sectores de alta e de media-alta tecnoloxía, despois das comarcas de Ourense e do Carballiño. Sen embargo, é tamén a comarca que no último ano perdeu -en porcentaxe- máis traballadores especialiazados en tecnoloxía, sobre todo nos segmentos manufactureiros de tecnoloxía media-alta.

En contraste coa perda de afiliados, é unha das catro únicas unidades comarcais da provincia de Ourense que conseguiron reducir o paro rexistrado no último ano no conxunto dos sectores de alta tecnoloxía. As outras tres zonas coas que comparte esa salientable diminución foron O Ribeiro, Verín e Trives. En Valdeorras, o descenso do paro tecnolóxico en 2012 acadou o 2,2%, cando a media provincial presenta unha subida do 22% e a media galega do 6,4%.