O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" acolle unha mostra en homenaxe ao pintor ourensán Largo Torres Pato

  • A mostra, que será inaugurada hoxe ás 20.15 horas, poderá visitarse ata o día 4 de marzo.

Ourense, 19 de xaneiro de 2018.- O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" acolle desde hoxe unha mostra titulada "Largo Torres Pato en estado puro" coa que rende homenaxe ao pintor ourensán falecido hai un ano, facendo un repaso pola súa traxectoria pictórica. A presentación da exposición tivo lugar esta mañá no Centro Cultural, acto no que participou o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o director do Centro Cultural, Francisco González; e o comisario da mostra, Jesús Fuertes.

O director do Centro Cultural dixo que esta mostra vén a cumprir "unha débeda que tiñamos co autor", dado que antes do seu pasamento "estabamos a traballar con el nunha exposición coa súa obra máis recente, incluso con traballos realizados expresamente para mostrar aquí, no Centro Cultural. Pero, durante este período, "Largo", enfermou e deixounos no mes de setembro de 2016 e con esta mostra na que facemos unha gran retrospectiva, cumprimos con esa débeda que tiñamos pendente con este creador ourensán".

A exposición recolle obras que fan un repaso pola súa traxectoria retrospectiva, con traballos que datan desde os anos 80, ata as súas obras máis recentes do ano 2015. O proceso de selección das obras fíxose en función "dese traballo que o artista quixo manter en propiedade e que, polo tanto, quedou na súa familia porque tiñan un significado especial para el e, ademais, incluímos pezas de coleccións particulares, tentando compoñer a mostra coa súa obra máis próxima", explicou Francisco González Bouzán.

Entre as pezas que se mostran nesta exposición cabe destacar "El Castillo de Ponferrada", "no que "Largo" representa a súa muller e a localidade de Ponferrada, de onde ela é orixinaria", sinalou Jesús Fuertes, quen dixo que o artista ourensán "sempre plasmaba as súas vivencias e os lugares nos que el era feliz". Nos seus traballos hai certos temas que son recorrentes como o mar, o mundo rural, a música, entre outros.

Asemade, o comisario da mostra felicitou á Deputación de Ourense por facer "un servizo de recoñecemento e xustiza a un pintor dos nosos, con esta mostra, que quedou fantástica".

Pola súa parte, o deputado provincial de Cultura salientou que a pretensión de José Antonio Torres Largo era "chegar ao receptor coa súa obra e que non se sentise indiferente diante dela, incitando ao observador a que descubra detalles que pasan desapercibidos nunha primeira ollada. Xoga cos sentimentos do espectador en función do cambios que se producen no entorno. A súa obra é un fiel reflexo de si mesmo."

A mostra, que será inaugurada hoxe ás 20.15 horas, poderá visitarse ata o día 4 de marzo.