A parella artística Rojo Sache visita a súa mostra, DAI, no Centro Cultural "Marcos Valcárcel"

  • A mostra, na que escenifican oníricamente e valéndose da paisaxe grandes crimes da historia, poderá visitarse ata o día 14 de xaneiro.

Ourense, 4 de xaneiro de 2018.- A parella artística Rojo Sache formada por Rosa Isabel Vázquez e José Antonio Fernández, visitou hoxe a súa mostra, DAI, exposta no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, no marco da 35ª edición do Outono Fotográfico centrado na temática da "Descrenza". A parella artística estivo acompañada polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; e o director do Outono Fotográfico, Xosé Lois Vázquez.

O vicepresidente da Deputación de Ourense destacou que os traballos desta parella artística "versan sobre a memoria, a ambigüidade e a morte, temas que abordan a través do uso particular da paisaxe" e lembrou que nesta exposición "escenifican, a través da paisaxe, grandes crimes da nosa historia".

Rosa Isabel Vázquez explicou que a mostra ten como punto de partida o ano 2013, "cando comezamos a traballar nesto porque estaban nos medios, moi presentes, diversos crimes. Por elo, comezamos a investigar antecedentes e feitos violentos e encontramos moito material. Retrocedemos ata chegar a finais do século XIX e decidimos facer unha escenificación libre destes crimes".

Así mesmo, Rosa Isabel Vázquez explicou que se trata de imaxes que "non están feitas no lugar onde sucederon os crimes, senón que son dramatizacións libres feitas por nós con modelos e actores. E descubrimos que tiñan un nexo común, a paisaxe, como testemuña silenciosa de todos estes crimes". Asemade, a artista salientou que non desvelan o crime que hai detrás de cada imaxe porque é "parte importante do proxecto, manter ese silencio e non darlle publicidade, aínda que incluímos elementos clave en cada unha delas".

Pola súa parte, José Antonio Fernández dixo que se trata dun proxecto que "continúa aberto e no que continuamos a traballar".

Xosé Lois Vázquez asegurou que esta exposición encadra "perfectamente" no tema central desta edición do Outono Fotográfico, a descrenza, que significa "poñer en cuestión todo o que se ve, poñer en cuestión o pensamento, reflexionar sobre a verdade e a mentira, e sobre a paisaxe como elemento vivo".

A obra de Rojo Sache foi premiada en mais de 80 festivais e certames internacionais e atesouran 11 Premios Nacionais de Fotografía Profesional (Premios Lux de España). As súas obras foron expostas en galerías e museos de diferentes países do mundo como España, Francia, Italia, Reino Unido, Alemaña, Arxentina, Estados Unidos e China.