A Xunta de Goberno da Deputación aproba as bases para a concesión de axudas en materia de Cultura e Deportes

Ourense, 29 de decembro de 2017.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá as bases reguladoras das convocatorias dos concursos para a concesión de axudas a deportistas ourensáns cualificados en modalidades deportivas individuais durante a tempada deportiva 2016-2017 e para o fomento das actividades escénicas e musicais 2018. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 29 de decembro.

No que se refire ás bases para a concesión de axudas en materia de deportes teñen como finalidade fomentar a práctica deportiva e incentivar aos deportistas ourensáns cualificados mediante o recoñecemento da súa traxectoria e rendemento deportivo. Poderán ser beneficiarios destas axudas os deportistas federados, de categorías de base ata absoluta, e exclusivamente de modalidades deportivas individuais de nacionalidade española ou residentes legais en España que cumpran os seguintes requisitos: que posuíran ficha federativa por algún club deportivo da provincia de Ourense durante a tempada 2016 -2017 e aqueles que non posúan licenza federativa por ningún club nesta tempada pero, estivesen vinculados ao deporte ourensán durante esa tempada, sempre e cando exista unha causa xustificativa deste feito, como por exemplo a inexistencia de clubs ourensáns desa disciplina deportiva, entre outras.

A contía máxima estimada para estas axudas é de 25.000 euros, sendo a axuda máxima por solicitante de 3.000 euros, xa que poden ser de diferente contía en función dos méritos e categoría dos deportistas. O prazo para presentar as solicitudes comeza desde a publicación desta convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións ata o 15 de febreiro.

En canto ás bases para a concesión de axudas en materia cultural teñen por obxecto o financiamento parcial da realización de actividades escénicas e musicais con carácter público na provincia de Ourense, promovidas por persoas físicas, xurídicas ou agrupacións sen personalidade xurídica.

A contía máxima estimada para este programa é de 120.000 euros e o importe das axudas obxecto desta convocatoria será do 50% do custo total de cada actuación. Estas axudas van desde os 300 euros por actuación para grupos e bandas de gaita, ata os 900 euros por actuación no caso de bandas de música, grupo de rock, folk, jazz, pop e similares, podendo concorrer todas as actuacións realizadas a partir do 1 de xaneiro de 2018. O prazo para presentar as solicitudes manterase aberto a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no BOP e ata o 20 de decembro de 2018.

Poderán ser beneficiarios directos destas axudas as persoas físicas ou xurídicas ou as agrupacións sen personalidade xurídica que reúnan os seguintes requisitos: realizar actividades escénicas ou musicais, entendendo por tales as de bandas de música, bandas de gaita, agrupacións corais, tunas, orquestras ou grupos de música tradicional, folk, pop, rock, jazz ou clásica, grupos de teatro, grupos de danza tradicional galega, grupos de ballet clásico ou contemporáneo, solistas ou intérpretes, espectáculos de maxia, humor e calquera outra actividade análoga; e ter o seu domicilio na provincia de Ourense. No caso de agrupacións sen personalidade xurídica entenderase cumprido este requisito cando a maioría dos seus integrantes teñan o seu domicilio na provincia e no caso de persoas xurídicas cando teñan o domicilio fiscal na provincia.

Continuando en materia de Cultura, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda por importe de 5.000 euros para o Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego para activades da entidade correspondentes ao ano 2016.

Cooperación

No relativo á cooperación cos concellos da provincia, na reunión aprobáronse as prórrogas aos Concellos de Oímbra e da Veiga, para presentar documentación xustificativa do programa "Revivenda rural", para a reactivación da economía rural e da rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda. En ambos casos, a Deputación de Ourense concedeu unha axuda de 100.000 euros para a realización deste programa, do que agora se amplía o prazo de xustificación.

Por outra parte, aprobouse inicialmente o proxecto de expropiación relativo á obra "beirarrúas en Fonteboa–N-525", no municipio de San Cibrao das Viñas, así como a apertura dun período de información pública polo prazo dun mes, de conformidade coa lexislación vixente.