Juan Varela inaugura hoxe no centro cultural a súa exposición “gamma, entre 25 e 100 hertz”

O ourensán Juan Varela inaugura hoxe, martes, ás 20:15 horas no Centro Cultural da Deputación a mostra “Gamma (25-100Hz)”, onde o artista combina fotografía, escultura e instalacións no seu proxecto creativo.

A exposición gamma (25-100 Hz) está formada por unha serie de obras inspiradas nos procesos e estruturas que se forman no noso cerebro, especialmente na relación e interacción deste co resto do corpo, dando lugar a fenómenos fundamentais para a existencia, como son os estados de consciencia ou a creación de sentimentos.

A través de diferentes medios, como a escultura, fotografía ou instalación, preséntase un percorrido no que o espectador poderá interactuar coas obras de diversas maneiras, tanto visual como corporalmente.

As ondas Gamma no cerebro rexístranse a unha frecuencia aproximada de entre 25 e 100 Hertzs, concentrándose principalmente nas zonas do córtex somatosensorial; crese que representan a unión entre diferentes poboacións de neuronas co propósito de portar funcións cognitivas e motoras. Esta sincronía temporal entre grupos de neuronas parece ser a base dos estados de consciencia.
O acto de inauguración complementarase cunha performance titulada “State of Consciousness Dance”, cos bailaríns Carmen Varela e Salvador Víllora, da compañía Atenúa Volvoreta.

Exposición: Gamma (25-100Hz)
Autor: Juan Varela
Lugar: Centro Cultural Deputación Ourense
Día: 15 de maio
Hora: 20:15 h.