A secretaria de Estado de Turismo de Portugal cualifica a In tempore sueborum de "espectacular agasallo para a historia"

  • Manuel Baltar agradeceu a Ana Mendes a súa visita, lembrando "a importante contribución á exposición por parte dos museos de Portugal, país que achega un total 73 pezas, algunhas das cales se exhiben por primeira vez ao público nesta mostra".

  • A exposición, que permanecerá aberta ata marzo de 2018, está a recibir numerosos visitantes nos primeiros días de apertura ao público nos tres espazos expositivos: o Centro Cultural, a igrexa de Santa María Nai e o Museo Municipal, onde se exhiben 262 pezas de 39 museos europeos.

Ourense, 18 de decembro de 2017.- A secretaria de Estado de Turismo do Goberno de Portugal, Ana Mendes Godinho, cualificou hoxe de "espectacular agasallo para a historia" a exposición sobre o mundo suevo, In tempore sueborum, que organiza a Deputación de Ourense, única mostra en Europa das súas características, que reúne un total de 262 pezas de grande valor histórico-artístico, procedentes de 39 museos europeos.

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, acompañou á representante do Goberno portugués na visita que realizou hoxe á mostra In tempore sueborum, no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense. A exposición, que permanecerá aberta ata o 4 de marzo de 2018, está a recibir numerosos visitantes nos primeiros días de apertura ao público nos tres espazos expositivos: o Centro Cultural, a igrexa de Santa María Nai e o Museo Municipal, onde se presentan obxectos que abranguen diferentes etapas e ámbitos para comprender a organización social e relixiosa e o contexto político e territorial no que se desenvolveron os suevos no século V, onde Ourense foi capital do primeiro reino medieval de Occidente.

A secretaria de Estado de Turismo de Portugal expresou a súa admiración "pola calidade e pola importancia da mostra que reúne en Ourense semellante relevancia histórica, dun período no que aínda queda moito por coñecer". Manuel Baltar agradeceu a visita a Ana Mendes, lembrando "a importante contribución á exposición por parte dos museos de Portugal, país que achega un total 73 pezas, algunhas das cales se exhiben por primeira vez ao público". Os obxectos que se expoñen do país luso proceden do Museo Nacional de Arqueologia de Lisboa, do Museo Monográfico de Conímbriga, da Casa do Infante, do Núcleo Museológico do solar Condes de Resende e do Museo Diocesano Pío XII de Braga.

No seu percorrido pola exposición xunto a Manuel Baltar e ao asesor de Cultura da Deputación de Ourense, Aurelio Gómez Villar, así como ao guía de In Tempore Sueborum e responsable de Comunicación da mostra, Jesús Manuel García, a secretaria de Estado de Turismo de Portugal coñeceu xoias como o anel de Alarico II, elementos da arqueoloxía funeraria e mesmo pezas chegadas do Museu Diogo de Soua, de Braga, e dos achados de Ponte de Lima, ou moedas do Museu Nacional de Arqueologia de Lisboa, entre outros.

Ana Mendes celebrou "a importancia que ten este proxecto museístico para toda a Península Ibérica", e recoñeceu o interese de Portugal pola mesma, afirmando que In Tempore Sueborum "supón un antes e un despois no estudo dos pobos bárbaros e dos suevos no ámbito internacional".

Manuel Baltar salientou na visita o carácter "irrepetible" desta mostra, "cargada de historia e armada de entidade política de seu, xa que falamos dunha época, hai máis de 1.600 anos, en que se configurou aquí en Ourense, o primeiro Estado de Europa: o reino suevo da Gallaecia".

A mostra reúne 262 obxectos procedentes de museos de 10 países: España, Portugal, Austria, República Checa, Hungría, Eslovaquia, Polonia, Bélxica, Francia, Alemaña. Expóñense pezas dun alto valor histórico e artístico, entre as que destacan xoias e elementos ornamentais dunha princesa sueva, e diversos utensilios e figuras artísticas en ouro, prata, bronce, vidro, madeira e ámbar, así como material funerario.

A mostra está recollida nun catálogo no que participaron 60 investigadores, escrito en galego, castelán e inglés, que marca un fito na historiografía sobre o mundo suevo. Ademais está dispoñible na páxina web da mostra: www.intemporesueborum.es, na que se inclúe toda a información sobre a exposición e o catálogo en versión dixital.