O Consorcio Provincial contra Incendios de Ourense aproba crear unha unidade de drons para emerxencias

Ourense, 18 de setembro de 2017.- O Pleno do Consorcio Provincial de Ourense para o servizo contra Incendios e de Salvamento celebrado esta mañá no Pazo Provincial, aprobou a creación dunha unidade de drons para servizos de emerxencias. A unidade estará situada no Parque de Bombeiros do Carballiño, onde se formaron a sete bombeiros en materia de drons e estarán a disposición das emerxencias para as que sexan requiridos desde o 112 ou desde calquera concello da provincia de Ourense, principalmente en emerxencias vencelladas á busca de persoas desaparecidas ou incendios.

"Con esta medida pretendemos seguir impulsando a calidade das emerxencias da provincia, xa que a tecnoloxía dos drons pode ser aproveitada dunha maneira efectiva nas emerxencias debido a que xa hai dispoñibles aeronaves híbridas que ofrecen un mínimo de dúas horas e media de autonomía de voo", explicou o presidente do Consorcio Provincial de Ourense para o servizo contra Incendios e de Salvamento, Pablo Pérez. Neste sentido, no pleno aprobouse unha modificación orzamentaria para á adquisición dun dron híbrido que formará parte desa unidade de drons.

Por outra parte, na sesión plenaria deuse conta do malestar xurdido no persoal que presta servizo de emerxencias do consorcio, no Parque de Bombeiros do Carballiño–O Ribeiro e na xerencia polas declaracións relativas a unha taxa de tipoloxía incendio en vivenda-galpón no Concello de Carballeda de Avia o pasado 21 de outubro, nas que se afirma que este operativo corresponde á vaga de lumes dos días 14 e 15 de outubro. "Desde o Consorcio Provincial queremos dar coñecemento de que non se tramitou ningún tipo de gasto ou taxa aos afectados pola vaga de lumes", sinalou Pablo Pérez.

Ademais do presidente do Consorcio Provincial de Ourense, tamén estiveron no pleno o director xeral de Emerxencias e Interior, Luís Menor; a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira; o xefe do servizo de Seguridade, José González; o xerente do Consorcio, Celso Conde; o alcalde do Larouco, Joaquín Bautista Prieto; o secretario, Juan Marquina; e a interventora, Mónica Legaspi.