A gala benéfica Sueña encherá de música, moda e solidariedade o Teatro Principal

  • Esta sétima edición, que terá lugar o vindeiro domingo, 17 de decembro, será en favor da asociación Aixiña.

Ourense, 12 de decembro de 2017.- O Teatro Principal da Deputación de Ourense acollerá o vindeiro domingo, 17 de decembro, Sueña, a sétima edición desta gala benéfica que, nesta ocasión, será en favor da asociación Aixiña. A presentación deste evento solidario tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou a deputada provincial, Montserrat Lama; as organizadoras do evento, Pamela de Marco e Leticia Celaá; a concelleira de Comercio de Ourense, Flora Moure; e a presidenta de Aixiña, Olga Cuña.

Montserrat Lama destacou a importancia de colaborar con este tipo de eventos benéficos e agradeceu ás organizadoras "que dediquen o seu tempo para desenvolver actos que recaden fondos para asociacións, nesta ocasión, para colaborar con Aixiña". Neste mesmo sentido, a concelleira de Comercio de Ourense dixo que "esta sétima edición da gala benéfica supón un importante desenvolvemento para o comercio de Ourense e unha axuda para esta asociación".

Pola súa parte, ás organizadoras do evento explicaron que esta idea que naceu hai sete anos "xorde para levar o noso traballo no mundo da beleza ao mundo máis creativo. Para elo, cada ano buscamos unha temática e intentamos demostrar o que se pode conseguir co noso traballo", dixo Leticia Celaá. "Desde o principio tiñamos claro que este evento sería en favor dos máis necesitados, donamos para Down Ourense, Cruz Vermella, entre outras entidades", sinalou Pamela de Marco, quen destacou a gran acollida que ten esta gala porque "sempre enchemos o Teatro Principal". Ambas animaron a todos a colaborar con esta iniciativa a través da compra das entradas, que teñen un custe de 5 euros e que se poden adquirir nos seus salóns Pamela de Marco Imaxe e Leticia Calaá Beauty Lounge ou a través da fila cero.

A presidenta de Aixiña agradeceu ás organizadoras do evento e a todos os que colaboran con elas "porque para nós é moi importante a recadación pero tamén que nos facedes visibles", e asegurou que o diñeiro recadado irá destinado "ao servizo de rehabilitación integral (fisioterapia, logopedia, musicoterapia, terapia ocupacional) que atende a adultos e a nenos".

Sueña, que comezará ás 19.00 horas, trasladará aos espectadores ao mundo fantástico dos soños a través de actuacións que inclúen música en directo, desfile de moda, baile, shows de perruquería e maquillaxe e sorteo de lotes de cosmética.