Chega a Ourense un tesouro suevo procedente de 13 museos de Europa, para a mostra In tempore sueborum

  • Manuel Baltar asistiu esta tarde á recepción das pezas no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", chegadas de espazos expositivos de España, Francia, Hungría, Alemaña, Polonia, Bélxica e República Checa.

  • Son 250 elementos de alto valor histórico e artístico, entre os que destacan xoias e pezas ornamentais dunha princesa sueva, e diversos utensilios e figuras artísticas en ouro e prata, vidro, madeira e ámbar, así como material funerario.

  • A exposición, que se inaugura o 15 de decembro, fai un percorrido polo tempo dos suevos na Gallaecia medieval (411-585) reunindo a colección máis destacada que se ten realizado, con preto de 300 pezas de 39 museos de 10 países, e en cuxo catálogo participaron 60 investigadores.

Ourense, 5 de decembro de 2017.- Un tesouro suevo do século V chegou hoxe a Ourense procedente de 13 museos de Europa, para integrarse na mostra In tempore sueborum, que se inaugura o vindeiro 15 de decembro na capital ourensá, organizada pola Deputación de Ourense e que se converterá no evento cultural máis importante da provincia. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, asistiu esta tarde, acompañado polo subdelegado do Goberno, Roberto Castro, á recepción das pezas no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", chegadas de espazos expositivos de España, Francia, Hungría, Alemaña, Polonia, Bélxica e República Checa.

Son 250 elementos de alto valor histórico e artístico, entre os que destacan xoias e pezas ornamentais dunha princesa sueva, e diversos utensilios e figuras artísticas en ouro, prata, bronce, vidro, madeira e ámbar, así como material funerario. A exposición, que abrirá as súas portas entre o 15 de decembro e o 4 de marzo de 2018, fará un percorrido polo tempo dos suevos na Gallaecia medieval (411-585) "reunindo a colección máis destacada que se ten realizado, con preto de 300 pezas de 39 museos de 10 países, e en cuxo catálogo participaron 60 investigadores", afirmou Manuel Baltar.

O presidente da Deputación expresou que as pezas que hoxe recibimos "nunca foron expostas conxuntamente e, sen dúbida, contribúen a incrementar o interese por esta mostra que será o fito cultural máis importante de Ourense, convertendo á nosa provincia en centro de peregrinaxe do turismo cultural para ver algo inédito, mesmo pezas que se daban por desaparecidas e outras que nunca se viron xuntas na súa dimensión real, facendo referencia a un período histórico que serviu para construír Europa e que tivo na Gallaecia e en Ourense –capital dese reino suevo hai 1.600 anos- un protagonismo indubidable". "Trátase dunha aposta pola nosa identidade –remarcou Baltar-, e toda a provincia de Ourense se vai ver beneficiada con esta exposición".

Entre as obras chegadas hoxe destaca o envío desde o Museo Nacional de Arte Romano de Mérida dun conxunto de varias contas de "collar bitubulares" da primeira metade do século V, talladas en ouro e pedra negra. Hai tamén 46 apliques de ouro, un colar diadema feito en ouro e granate, e uns pendentes de ouro. Asemade, integran a colección unha parella de fíbulas, 42 apliques auríferos, dous acus e 20 contas, todo en ouro. Son pezas empregadas por una princesa sueva e por unha nena. Da mesma cidade chegou un taboleiro de altar feito en mármore.

Do Museo Nacional de Hungría chegou un busto de suevo de Brigetio, datado na segunda metade do século II da nosa era, feito en bronce fundido, pertencente á Colección Milch. Tamén foi recibido un colar con crismón de Répcelak, tallado en ouro, e datado no terceiro cuarto do século V.

Chegadas desde o Museo de Mikulov, na República Checa, hai 20 pezas entre fíbulas, brazaletes e pendentes de varios deseños, todo en ouro, prata ou bronce. O Museo Denon, Chalon-Sur-Saône, en Francia, enviou 45 obxectos que integran o depósito funerario da sepultura dun adolescente de Balleure, feitos en ouro, prata, vidro, madeira e ámbar, todo do primeiro tercio do século V.

A colección inclúe a cabeza de bárbaro ou busto dun xermano, enviada polos Royal Museums of Art and History de Bruselas e que está datada no século II. O material empregado é mármore branco de grao fino. Do Museo Arqueolóxico de Estrasburgo foron recibidos hoxe os depósitos dunha tumba de Hochfelden, en Alsacia. Trátase dun colar de ouro en cadea trenzada con trinta pezas colgantes.

Tamén chegaron pezas procedentes de Portugal, León, Zamora, Lugo, Santiago, Oviedo e Valladolid. O Museo Arqueológico Nacional de Madrid remitiu un nutrido grupo de obxectos en ouro, prata e bronce, entre os que figuran fíblas, brazaletes, colares e aneis; e obxectos atopados en tumbas de Castiltierra.

In tempore sueborum é a exposición máis importante de Europa sobre o reino suevo. A mostra fai un percorrido polo tempo dos suevos na Gallaecia (411-585), o primeiro reino medieval de occidente, situado en Ourense, reunindo a colección máis destacada que se ten realizado, cun total de 262 pezas procedentes de 39 museos de 10 países, e en cuxo catálogo participaron 60 investigadores, o que a converte no feito cultural máis relevante da provincia de Ourense. A mostra exhibirase no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", no Museo Municipal de Ourense e na Igrexa de Santa María Nai do 15 de decembro ao 4 de marzo de 2018.