O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" inaugura a exposición Descrenzas de Xénero, de Ángel Pantoja

  • A mostra, incluída na 35ª edición do "Outono Fotográfico", pode visitarte desde hoxe ata o 14 de xaneiro de 2018.

Ourense, 29 de novembro de 2017.- O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense inaugura unha nova mostra nas súas instalacións, trátase de Descrenzas de Xénero, do artista Ángel Pantoja, que está incluída na 35ª edición do "Outono Fotográfico" e que pode visitarse desde hoxe ata o día 14 de xaneiro de 2018. A presentación da mostra tivo lugar hoxe no Centro Cultural, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o comisario da mostra, Vítor Nieves; e o director do Centro Cultural, Francisco González.

O vicepresidente da Deputación de Ourense lembrou que o Centro Cultural é "un lugar de difusión cultural aberto a pluralidade que, nesta ocasión, acolle esta exposición na que o artista retoma unha iconografía clásica dos bustos gregos e dos bustos romanos mostrando que a estética é un código variable, aberto e flexible".

Pola súa parte, Francisco González dixo que "con esta mostra abrimos a nosa colaboración anual e permanente que mantemos co "Outono Fotográfico". Ademais desta, teremos outra exposición máis dado o compromiso que temos de participar no Outono". Neste senso, Vítor Nieves agradeceu ao "Centro Cultural a acollida porque para o "Outono Fotográfico" é un sitio histórico, un dos espazos máis importantes por iso coidamos as exposicións que mostramos aquí".

O comisario da mostra explicou que con esta serie o artista trata de facer iconas para que o espectador reflexione sobre o que é o binarismo de xénero, esa ideoloxía de xénero que se nos inculca desde cativos e que nos trata de situar nun lado ou noutro do xénero como se fose algo ríxido".

En canto ao proceso de creación das obras, o comisario da mostra explicou que a técnica comeza cunha primeira parte teórica de documentación "para saber quen eran os iconos máis masculinos de certas épocas da historia e onde pode conseguir as imaxes. Despois, o proceso continúa coa procura de imaxes a través de Museos que teñen fotografías deses bustos ou mesmo de Internet. E, por último, unha vez que ten as imaxes, comeza a mesturar nunha construción dixital que engarza a parte técnica coa conceptual, é dicir, constrúe dixitalmente os seus bustos como en toda a súa obra, tratando de mostrar que o xénero é unha construción".

Ángel Pantoja naceu en Sevilla no ano 1966. A súa creatividade e versatilidade lévano a experimentar con diferentes soportes e linguaxes: o deseño gráfico, a ilustración, a colaxe, a fotografía. As súas obras estiveron expostas en Madrid, Barcelona, Sevilla, São Paulo, Xinebra, Miami, Bos Aires, etc, ademais dos seus traballos como ilustrador en medios impresos e colaboracións para cinema e televisión.