A Deputación e os concellos de Valdeorras honran a figura de Florencio Delgado, cantor de Galicia e defensor da galeguidade

  • No acto celebrado hoxe en Córgomo, seu pobo natal, Manuel Baltar destacou a importancia de relanzar a figura do poeta valdeorrés "para que a súa obra e o sentimento que transmite de amor á nosa terra sigan vivos nas lembranzas dos maiores e nas ilusións dos máis novos".

  • Con este motivo, presentouse a iniciativa cultural "As letras de Florencio", que abrangue actividades para potenciar a figura do intelectual valdeorrés, entre as que destaca conseguir que sexa homenaxeado polas Letras Galegas.

Ourense, 7 de novembro de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na Casa do Pobo de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) no acto de homenaxe ao escritor Florencio Delgado Gurriarán, "cantor de Galicia e defensor da galeguidade", expresou o presidente do goberno provincial, quen destacou a importancia "de relanzar a figura deste insigne poeta e galeguista valdeorrés para que a súa obra e o sentimento que transmite de amor á nosa terra sigan vivos nas lembranzas dos maiores e nas ilusións dos máis novos".

Manuel Baltar estivo acompañado no acto polo presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado, e por Débora Álvarez, directora do proxecto "As letras de Florencio", unha iniciativa que ten como obxectivo o desenvolvemento de actividades para potenciar a figura do intelectual valdeorrés, entre as que destaca conseguir que Delgado Gurriarán sexa homenaxeado no Día das Letras Galegas. No acto tamén estiveron presentes os alcaldes e representantes institucionais, sociais e culturais valdeorreses. Todos, Deputación de Ourense, concellos e entidades culturais e sociais da comarca, coinciden en destacar a relevancia que Florencio Delgado tivo na intelectualidade galega e nos movementos galeguistas do século XX.

"As letras de Florencio", explicou Débora Álvarez, é un traballo coordinado dos concellos do Barco, Carballeda, Rubiá, Vilamartín, A Rúa, Petín, Larouco, A Veiga e O Bolo co apoio da Deputación de Ourense, "co fin de crear liñas transversais de traballo entre todos os sectores sociais, culturais e empresariais da contorna, cooperando para elo coas empresas culturais e de maneira especial co Instituto de estudios Valdeorreses e a Asociación de Amigos del Museo"

O proxecto inclúe o desenvolvemento da "Irmandade de Florencio", unha iniciativa cultural que segue o modelo dos vellos casinos de comezos do século XX e as asociacións das Irmandades da Fala, focos de cultura e de debate. A Irmandade conta como Irmán Maior con Anxo Baranga –artista que encabezou as primeiras iniciativas de vindicación da figura do Florencio Delgado-, un colectivo que ten a finalidade de crear unha base de apoios para o proxecto e unha recollida de sinaturas a prol do poeta valdeorrés. Neste sentido, o presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses leu no acto unha carta do Irmán Maior, Anxo Baranga, na que se convidou ao presidente da Deputación de Ourense a formar parte da Irmandade co número 2, quen aceptou este ofrecemento afirmando que o goberno provincial "está apoiando desde o primeiro minuto para vindicar a un dos grandes das nosas letras e da nosa cultura como é Florencio Delgado Gurriarán, para pór en valor a súa traxectoria cultura, política e intelectual". O presidente da Deputación loubou o labor que están a realizar os concellos de Valdeorras neste sentido, destacando que apoiamos esta iniciativa "para que sexa un grande éxito".

Pola súa banda, Aurelio Blanco Trincado dixo que Florencio Delgado Gurriarán "tivo sempre a Galicia como tarefa" e destacou que Carballo Calero incluíu ao poeta valdeorrés entre os novecentistas, grupo formado por Manuel Antonio, Amado Carballo, Blanco Amor, Euxenio Montes e Federico García Lorca, e en palabras de Xosé Gayoso, primeiro presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, "a poesía de Florencio é a poesía da natureza, do ciño e do amor". Blanco Trincado agradeceu o apoio da Deputación de Ourense e de Manuel Baltar "ao máis importante proxecto literario valdeorrés, que conta co pulo de todos os concellos da comarca, porque toda Valdeorras está na poesía de Florencio".

Florencio Delgado Gurriarán, neu en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) en 1903 e finou en Fair Oaks (Estados Unidos) en 1987. Licenciado en Dereito, exerceu como avogado no Barco de Valdeorras. En 1933 ingresou no Partido Galeguista. Trala Guerra Civil marchou como exiliado a México, país no que se estableceu definitivamente, aínda que realizou varias viaxes a Galicia: en 1968, 1976 e 1981. Foi un dos fundadores da revista Vieiros, e membro correspondente da Real Academia Galega. A súa obra intégrana os libros: Bebedeira, 1934; Galicia infinda, 1963; Cantarenas. Poemas (1934-1980), 1981; O Soño do Guieiro, e Opúsculos de poesía, 1986.