Homenaxe nos Peares ao galeguista Rodolfo Prada, no 37º aniversario do seu pasamento

  • No acto participarán o presidente da Deputación de Ourense e a neta do galeguista ourensán, quen visita por primeira vez Galicia para celebrar este recoñecemento na terra natal do intelectual que impulsou o movemento político-cultural máis importante da galeguidade en América.

  • O acto terá lugar mañá, 3 de novembro, na sede do Consorcio dos Peares, celebración na que se darán cita representantes institucionais, culturais e sociais, así como familiares do intelectual ourensán.

Ourense, 2 de novembro de 2017.- A Deputación de Ourense promove o acto de homenaxe ao destacado galeguista ourensán Rodolfo Prada, no 37º aniversario do seu pasamento, que se celebra mañá, ás 11.00 horas, na sede do Consorcio dos Peares. A celebración contará coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a neta de Rodolfo Prada, María Soledad Prada -quen visita por primeira vez Galicia, procedente de Chile, país no que reside-; familiares do intelectual ourensán e representantes institucionais, culturais e sociais.

Para destacar a figura deste insigne ourensán, impulsor do movemento político-cultural máis importante da galeguidade en América, a Deputación de Ourense instaurou o Premio "Rodolfo Prada" á xestión cultural, certame presentado na "Ourense ICC Week" deste ano e cuxo obxectivo é distinguir a persoas, proxectos ou colectivos que se signifiquen pola xestión de iniciativas de carácter cultural con referencia á cultura galega. Así llo propuxo o xurado do Premio "Ourensanía" á Deputación de Ourense, para recuperar a memoria deste galeguista. Asemade, o ano pasado por estas datas, a institución provincial ourensá organizou un acto de homenaxe no pobo natal do galeguista, Os Peares, destacando o seu compromiso con Galicia desde a emigración e a relevancia que tivo nos círculos galeguistas e ourensáns na capital arxentina.

Rodolfo Prada Chamochín, nado nos Peares en 1892 e finado en Bos Aires en 1980, foi o gran valedor de Castelao na Arxentina e seu albacea testamentario, ademais dun referente do galeguismo e o artífice de unir as asociacións de emigrantes que había daquela en Bos Aires: os centros orensano, pontevedrés, lucense e coruñés; e destacou pola súa implicación co Partido Galeguista e, previamente, a súa afiliación ás Irmandades da Fala, en 1917.

Xunto con Julio Dávila e Luís López fundou en 1919 a Asociación Protectora da Real Academia Galega e desempeñou a súa secretaría, polo que foi nomeado correspondente da corporación galega. A partir de 1920, cando resultou elixido secretario da Casa de Galicia, converteuse nun activo propulsor da galeguidade. Nese mesmo ano creou e dirixiu a revista "Acción Gallega" e o ateneo de Cultura Galega. Pouco despois, en 1924, foi redactor xefe e copropietario de Correo de Galicia. En 1932 participou na fundación da Organización Nacionalista Republicana Gallega, que chegou a presidir entre 1936 e 1937, e ao ano seguinte foi nomeado presidente do Centro Gallego de Bos Aires.

Como membro do Centro Orensano dirixiu o seu órgano periodístico, El Orensano, e posteriormente Opinión Gallega, e conseguiu a publicación de Sempre en Galicia, de Castelao. Entre as conferencias que pronunciou destaca Encol da nosa Galiza (Montevideo, 1935) e Antolín Faraldo; ademais, mantivo unha interesante correspondencia con Castelao, con quen colaborou estreitamente.