Aberta ao tráfico dende hoxe a autovía Ourense-Celanova, que permite aforrar un 40% de tempo

A autovía Ourense-Celanova, de 19 quilómetros, quedou aberta hoxe ao tráfico e permite aforrar un 40% de tempo, no traxecto entre a capital ourensá e as Terras de Celanova. O acto de posta en funcionamento da autovía tivo lugar na Merca coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o conselleiro de Medio Ambiente e Infraestruturas, Agustín Hernández e os alcaldes da zonas por onde discorre esta nova infraestrutura viaria: San Cibrao das Viñas, A Merca, Celanova e Verea.

Alberto Núñez dixo que autovía Ourense-Celanova, que beneficia de forma directa ás case 200.000 persoas que viven nas comarcas desta zona, incrementa ata 120 os quilómetros de vías de alta capacidade postas en servizo desde abril de 2009 en toda Galicia. "Isto supón un gran fito, xa que nunha lexislatura marcada pola crise económica puxemos a funcionar 120 quilómetros de vías de alta capacidade. Pero supón, tamén, -engadiu- outro compromiso que é que nesta lexislatura que comeza a finais do ano 12 e que finalizará no ano 16, poñamos a funcionar en Galicia outros 110 quilómetros de vías de alta capacidade".

Pola súa banda, o presidente provincial agradeceu o apoio investidor da Xunta de Galicia con Ourense e destacou a importancia da autovía subliñando que "vertebra o territorio e supón un equilibro territorial" e solicitou a axuda da Xunta de Galicia para defender "o mantemento do servizo ferroviario entre Ourense e Puebla de Sanabria e para traballar a prol da autovía A-76, uns compromisos nos que todas as administracións temos que estar polo ben de Ourense".

Manuel Baltar destacou asemade que hoxe as distancias non se mide en quilómetros senón en tempo, de aí a importancia que ten esta autovía que une pobos, economía, cultura, historia e, por riba de todo, persoas".

Alberto Núñez Feijóo, avanzou que nesta lexislatura completarase o obxectivo de que o 80% dos galegos estean a menos de 10 minutos dunha vía de alta capacidade. O responsable autonómico garantiu o compromiso da Xunta de seguir cohesionando o territorio, e neste senso, afirmou que Lugo e Ourense seguen a ser actuacións prioritarias: "A primeira provincia en investimento por habitante, neste presuposto do ano 2013, sigue sendo Ourense e Lugo, a segunda. Estamos a falar dun investimento dun 50% máis por habitante do que se inviste nas provincias atlánticas".

Nesa liña, destacou que o Plan Impulsa Ourense ve incrementado este ano o seu orzamento un 13%, ata os 80 millóns de euros; e avanzou que o Goberno galego seguirá investindo, tamén, nas infraestruturas tecnolóxicas, como é o Plan de Banda Larga.

Así mesmo, afirmou que o Goberno galego seguirá traballando para que Ourense sexa a provincia de maior investimento por habitante en España. "Estou convencido de que o conseguiremos ao longo desta lexislatura do Goberno de España, porque o tren de alta velocidade, clave fundamental para meter a Ourense en dúas horas co resto da Meseta e para incluír a Galicia dentro dese proxecto de 2 horas e 30 minutos con Madrid, suporá algo que non ten volta atrás".