A Deputación de Ourense organiza o primeiro curso de Piloto de Drons para Emerxencias con homologación oficial en España

  • Os alumnos realizarán prácticas en diferentes puntos da xeografía ourensá cun dron híbrido que ten dez veces máis autonomía cas aeronaves actuais.

  • O parque de bombeiros do Carballiño contará cunha unidade especialista de piloto de drons en situacións de emerxencia.

Ourense, 25 de setembro de 2017.- A Deputación de Ourense organiza, en colaboración co Consorcio Provincial de Ourense para o servizo contra Incendios e de Salvamento e da empresa Aerocamaras, o primeiro curso en España de Piloto de Drons para situacións de emerxencias con homologación. A presentación desta iniciativa formativa tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente do Consorcio Provincial de Ourense para o servizo contra Incendios e de Salvamento e deputado provincial, Pablo Pérez; e o CEO de Aerocamaras, Jaime Pereira.

O vicepresidente da Deputación de Ourense destacou o incremento que está a experimentar nos últimos anos "o uso de drons en diferentes ámbitos profesionais multiplicouse e diversificouse dadas as novas necesidades xurdidas, polo que a formación de pilotos é unha máxima para obter así o certificado oficial, así como a ampliación de coñecementos, porque supón un amplo aforro tanto en tempo como en custes ao realizar traballos con estes equipos".

Entre os obxectivos deste curso están adquirir os coñecementos e a capacidade de apoiar aos equipos que interveñen nestas situacións para a visualización remota de espazos afectados, transporte de material e outras accións de apoio aéreo.

Pola súa parte, Pablo Pérez explicou que esta iniciativa formativa vén a desenvolverse agora dado que "era o momento de equipar tecnicamente cun dron aos nosos equipos de bombeiros, dado que se nos ofreceu un dron cunha autonomía suficiente para poder facer un traballo que tivera unhas posibilidades moito máis altas de éxito ca neste momento se están a facer". Esta aeronave híbrida (electricidade e gasolina) ten dez veces máis autonomía ca os drons actuais, é dicir, un dron eléctrico pode ter unha autonomía de 20 minutos, e un híbrido ten unha autonomía mínima de dúas horas e media "coa importancia que isto ten no caso das situacións de emerxencia", sinalou o presidente do Consorcio.

En canto aos alumnos deste curso, Pablo Pérez dixo que se creará "unha base no Carballiño con sete bombeiros formados onde vai a estar esta unidade especialista de piloto de drons en situacións de emerxencia, e posiblemente adquiramos dous drons para poder servir a toda a provincia. A Mancomunidade de Celanova achega dous bombeiros, o GES de Muíños a un bombeiro, dous bombeiros do Parque de Bombeiros do Polígono de San Cibrao e dous voluntarios de dúas agrupacións de Protección Civil. A custe da formación correrá a cargo de cada administración".

O curso, que formará a un total de vinte profesionais e voluntarios de Emerxencias, permitirá que os participantes obteñan un título homologado pola Academia Galega de Seguridade Pública (Xunta de Galicia), así como o certificado oficial da Axencia Estatal de Seguridade Aérea para ser piloto profesional de drons.

Tal e como explicou Jaime Pereira, a formación semipresencial comezou o día 18 de setembro, coa parte online do curso oficial de piloto de drons, que terá as súas clases presenciais os días 23 e 24 de setembro no Pazo de Vilamarín. A parte online do curso de piloto de drons en situacións de emerxencias comezará o vindeiro 16 de outubro, mentres que a súa parte presencial será os días 25, 26 e 27 de outubro no Pazo de Vilamarín, no parque de bombeiros do Carballiño e no embalse das Conchas en Muíños, respectivamente, "algunhas desas prácticas realizaranse co dron híbrido para que se vexan as diferenzas co dron eléctrico", sinalou o CEO de Aerocamaras.