Presentación das IV "Xornadas de Astrotrevinca"

  • Desenvolveranse os días 22, 23 e 24 de setembro na Veiga.

Ourense, 8 de setembro de 2017.- O Concello da Veiga acollerá a cuarta edición das xornadas "Astrotrevinca" que, durante os días 22, 23 e 24 de setembro, achegarán a astronomía a tódolos interesados na observación do ceo. A presentación desta iniciativa cultural tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde da Veiga, Juan Anta; e o organizador das xornadas, Óscar Blanco.

Rosendo Fernández destacou o impulso que o Concello da Veiga "está a realizar nun sector turístico emerxente na nosa provincia, o astroturismo, sendo A Veiga un dos catorce destinos turísticos "Starlight" no mundo que conta con esta certificación e que converte a Trevinca nun dos mellores lugares para contemplar as estrelas".

Asemade o vicepresidente da Deputación de Ourense dixo que se trata "dun evento, no que ademais de darse cita investigadores, permite achegar coñecementos sobre a astronomía e a observación do ceo a todo o público en xeral".

O alcalde da Veiga sinalou que esta cuarta edición "significa que este evento se está a consolidar como referente de astronomía en Galicia" e adiantou que "ao longo deste ano haberá neste sector algunha iniciativa máis que contribúa a converternos en referencia do astroturismo en España". Juan Anta dixo que este sector turístico "está a funcionar moi ben no noso municipio tendo en conta a alta demanda que temos".

Pola súa parte, o organizados das xornadas explicou que se trata "de traballar a astronomía como un atractivo máis, turístico e científico, ambos fundiranse nestas xornadas nas cales estará xente do mundo da astronomía pero, para explicarllo a xente que non ten por qué estar vencellada ao mundo da astronomía". Os relatores destas xornadas falarán de cuestións como: a enerxía escura, a contaminación lumínica, o clima, a fotografía nocturna, entre outros temas.

Os interesados en participar poderán inscribirse na Oficina de Turismo de A Veiga a través do número de teléfono 988350130, ou do correo This email address is being protected from spambots. You need JavaScript enabled to view it. .

Programa

A programación dará comezo o venres, 22 de setembro, ás 22.00 horas, coa observación no mirador astronómico de As Tablillas. O sábado, 23 de setembro, as actividades iniciaranse ás 10.45 horas coa presentación das xornadas, para continuar coa conferencia "Buscando a enerxía escura desde Teruel. O observatorio Astrofísico de Javalambre", a cargo de Ramón Iglesias Marzoa. Ás 12.00 horas será a quenda para Óscar Blanco, quen falará de "El último eclipse total de sol en la Península Ibérica, A Veiga en 1912". Pola tarde, as actividades retomaranse ás 16.30 horas coa conferencia "Tiempo y clima en Galicia" de Xavier Fonseca e, ás 17.30 horas, será a quenda para Salvador Bará que exporá "Como protexer os ceos escuros da contaminación lumínica". A partir das 19.30 horas rematará a xornada formativa Óscar Blanco con "Fotografiando paisajes celestes". Por último, ás 22.00 horas, realizarase novamente a observación astronómica no mirador de As Tabillas.

O domingo, 24 de setembro, a programación dará comezo ás 11 horas coa observación solar a cargo da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e, ás 14.00 horas, será o peche das xornadas.