Deporte e solidariedade na III Carreira e Andaina popular Trevinca – A Veiga

  • O evento celebrarase o vindeiro 19 de agosto.

Ourense, 16 de agosto de 2017.- A terceira edición da Carreira e Andaina popular Trevinca – A Veiga mesturará deporte e solidariedade o vindeiro 19 de agosto, a partir das 19.00 horas. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; o alcalde da Veiga, Juan Anta; o director técnico da Delegación de Valdeorras (DGA Valdeorras), Agustín González; o delegado da Federación Galega de Atletismo (FGA), Manuel Rodríguez; e os representantes da Plataforma de Afectados de Esclerosis Lateral Amiotrófica, Rosa María García e Víctor Loira.

Bernardino González destacou "o compoñente solidario" deste evento que contribúe "a fomentar a práctica do deporte e a dar visibilidade a esta enfermidade". Nese senso, Rosa María García agradeceu ao municipio da Veiga a súa colaboración e explicou que "as achegas económicas irán destinadas a investigar a cura desta enfermidade".

Para elo, hai unha Fila Cero na web Carreiras Galegas para a recollida de doazóns que irán destinadas a AGALEA (Asociación Galega de Afectados pola ELA) e o día da proba tamén se habilitará un stand para a mesma causa.

Agustín González dixo que esta proba "ten un significado especial por colaborar con esta asociación, e continuaremos a traballar para unir as actividades deportivas a accións sociais".

En canto á proba, o alcalde da Veiga dixo que este tipo de eventos deportivos "dan a coñecer o noso territorio e esperamos consolidalos no tempo, porque continuaremos a apostar polo deporte vencellado ao turismo".

A saída e a meta da proba será no Concello da Veiga. A carreira constará de dúas voltas nun circuíto urbano de 4.260 metros, mentres que a andaina será dunha volta de 10.400 metros.

Os interesados en participar nesta proba poderán inscribirse na páxina web www.carreirasgalegas.com, na Oficina de Turismo da Veiga, ou incluso o mesmo día da proba ata unha hora antes da saída. As inscricións nas categorías dos cativos ata media hora antes do inicio das probas e serán gratuítas.

En canto aos premios, os tres primeiros clasificados da carreira popular, tanto na categoría masculina como na feminina, recibirán un trofeo, así como os tres primeiros das categorías de cadete, promesa e veteranos. Nas categorías de infantil, alevín, benxamín e prebenxamín, entregaranse medallas aos 20 primeiros de cada unha.