A zona do Castelo Medieval da Peroxa será o escenario da terceira edición do Festival "A Noite dos Metelos"

  • O evento cultural, que se celebrará o vindeiro 19 de agosto, mesturará música e gastronomía.

Ourense, 16 de agosto de 2017.- A zona do Castelo Medieval da Peroxa será o escenario da terceira edición do Festival "A Noite dos Metelos", un evento cultural que mesturará, o vindeiro 19 de agosto, música e gastronomía. A presentación da celebración tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o alcalde de A Peroxa, Manuel Seoane; e os empresarios, Antonio Fernández e José Manuel Iglesias.

O deputado provincial de Cultura destacou a importancia de levar a cabo este tipo de iniciativas que "dan a coñecer a riqueza natural e patrimonial da nosa provincia" cun evento que "dinamiza a actividade cultural do municipio e contribúe a poñer en valor o rural". Pola súa parte, Manuel Seoane destacou a importancia da "cooperación pública e privada para poder desenvolver este tipo de celebracións" e convidou a todo o mundo a asistir a este Festival para coñecer "unha área natural protexida no entorno das ruínas do Castelo da Peroxa".

Antonio Fernández explicou a programación prevista para o evento que dará comezo ás 13.00 horas coa charanga Europa e continuará a partir das 14.00 horas co "Xantar de mantel" no Castelo, onde cada grupo poderá levar a súa propia comida ou ben encargala á organización. A música volverá ás 17.00 horas coa charanga Nova Terra de Trives. Ás 20.00 horas será a quenda para o campionato de Lanzamento de Aixada. A gastronomía volve á programación ás 21.00 horas coa "Cea de bocadillo" e a xornada rematará co concerto do grupo Guezos a partir das 22.00 horas. Asemade, durante toda a tarde, estará amenizando a xornada DJ Alex Magic.