Cinema, humor e gastronomía na décima edición do Festival das Artes Escénicas de Riós

  • No evento cultural, que se celebrará os días 13 e 14 de agosto, recibirán a Castaña de Cristal os artistas Bruxo Queiman e Andrea Pousa.

  • Asemade, o emprendedor Gerardo Fernández "Geri" será homenaxeado, a título póstumo, co nomeamento dun castiñeiro centenario da "Ruta do Talento".

Ourense, 3 de agosto de 2017.- A praza do Concello de Riós e o souto de Castiñeiros do municipio serán os escenarios da décima edición do Festival das Artes Escénicas "Abelardo Gabriel" de Riós onde se mesturará cinema, humor e gastronomía durante os días 13 e 14 de agosto. A presentación desta celebración cultural tivo lugar esta mañá no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director do Festival, Rubén Riós; a concelleira de Riós, Eva María Barrio; e os premios Castaña de Cristal, Andrea Pousa e Bruxo Queiman.

O vicepresidente do goberno provincial sinalou que esta iniciativa "pon en valor o rural da nosa provincia, achegando unha alternativa cultural máis ao completo programa de actividades que Ourense ten durante a época estival". A Deputación de Ourense colabora con este festival de "referencia no mundo das artes escénicas da provincia", engadiu Rosendo Fernández.

"O traballo deste Festival é facerlle crer ao rural galego, indiferentemente de que sexa un evento cultural ou doutras características, que podemos e que podemos desde Ourense", asegurou o director do Festival. Pola súa parte, a concelleira de Riós dixo que esta décima edición demostra "o éxito que ten este festival debido, fundamentalmente, ao entorno no que se realiza, ás súas xentes, aos seus produtos e ás súas paisaxes".

Nesta edición, os artistas homenaxeados coa Castaña de Cristal serán Bruxo Queiman e Andrea Pousa polo seu compromiso coa cultura atlántica. Os artistas deleitaron aos asistentes á presentación do evento cunha actuación musical.

Outro dos protagonistas durante a celebración será o emprendedor Gerardo Fernández "Geri", que será homenaxeado, a título póstumo, co bautizo dun castiñeiro centenario da "Ruta do Talento" co seu nome polo seu compromiso e achega ao emprendemento galego creando unha marca, ciclowood, de ámbito internacional.

Rubén Riós sinalou que esta iniciativa cultural "cumpre dez anos festivalizando o rural e faino coa edición máis especial porque o emprendemento vai a estar valorado, non só cos premiados coa Castaña de Cristal senón tamén co homenaxe a "Geri".

Programación

O Festival dará comezo o día 13 de agosto, ás 10.30 horas, con actividades para os máis cativos e, a partir das 12.30 horas, comezará a "Ruta do Talento", nun acto conducido polos homenaxeados coa Castaña de Cristal e no que actuarán rapaces participantes nas Xornadas Creativas dentro do proxecto "RuraliZarte" o cal pretende "transmitir aos rapaces de 12 a 17 anos que o rural é unha fonte de creatividade e emprendemento", explicou Rubén Riós.

Asemade, a gastronomía ocupará un espazo importante na programación deste Festival coa celebración de "Gastroñam", o III Xantar das Artes Escénicas no que a castaña é a protagonista. Neste apartado, que inclúe unha sesión vermú amenizada con música en directo, os asistentes poderán degustar dun menú a base de produtos típicos galegos por un prezo de 15 euros.

Pola noite, a partir das 22.00 horas, será a quenda para a música coas actuacións de Emilio Rúa e Aneu, de Xoel G. E Alba Diz e do monólogo "15 anos" de Noelia Rodríguez participantes da edición "RuraliZarte 16".

Ao día seguinte as actividades xirarán entorno ao cinema coa presentación do trailer do documental "A memoria da raia" e do filme "Castelao. De chumbo a verba" no que estará o seu director, Miguel López, todo elo a partir das 19.00 horas no Centro Cultural de Riós. Ás 22.30 horas, as actividades trasladaranse á praza do concello de Riós, onde Fernando Fumaces e Rubén Riós ofrecerán un espectáculo de humor. Posteriormente, a música correrá a cargo de Aída Blanco, participante de Got Talent, e de SES e Sonoro Maxín. A xornada rematará cunha sesión Dj de Fonsi Fernández.