A Deputación de Ourense destina máis de 895.000 € a servizos sociais, emprendemento, cooperación cos concellos, deporte e cultura

  • A Xunta de Goberno aprobou hoxe achegas para o Plan "Exportou" de internacionalización de empresas ourensás, e para preto de sesenta entidades que traballan no ámbito social, entre outras iniciativas.

Ourense, 21 de xullo de 2017.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá a concesión de subvencións por un valor de 895.721 euros para servizos sociais, emprendemento, cooperacións cos concellos, programas deportivos e actividades culturais. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 21 de xullo.

No apartado de cooperación, a Xunta de Goberno aprobou oito axudas a sete concellos por un importe total de 264.426 euros. Estas achegas distribúense entre o Concello de Bande, que percibirá 20.000 euros para a reforma da iluminación pública en varios núcleos de poboación; o Concello de Montederramo, que tamén investirá os 30.000 euros concedidos na reforma do alumeado público en catro parroquias; e o Concello da Mezquita, cunha subvención de 7.601 euros para a renovación de equipos informáticos municipais. Muíños recibirá senllas achegas para a realización de traballos nas piscinas municipais e na contorna do complexo turístico-deportivo do Corgo (60.000 euros), así como para o acondicionamento de catro espazos públicos do municipio (63.000 euros). O Concello de Punxín disporá de 18.525 euros para obras de mellora na rede de abastecemento de auga potable; Ramirás investirá 15.000 euros na modificación, corrección de erros e actualización do inventario municipal de bens patrimoniais;e o o Concello de San Cristovo de Cea percibirá 50.000 euros para a subministración de electricidade ao polígono industrial de Cea.

Apuntar tamén a concesión á Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín dun anticipo do cen por cen sobre a subvención de 50.000 euros, concedida pola Deputación, para o financiamento da actividade desta entidade, e unha modificación do plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial no Concello de Xinzo de Limia, plan que agora inclúe a reforma do saneamento nunha rúa da vila cun orzamento de 55.000 euros.

No tocante ao ámbito da colaboración, na reunión desta mañá ratificouse o convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense e a Confederación Empresarial de Ourense para o desenvolvemento do plan "Exportou" que, cun importe de 100.000 euros, ten por obxectivo apoiar a internacionalización das empresas ourensáns, unha iniciativa que a Deputación de Ourense vén materializando nos últimos anos con accións como as dúas misións comerciais USA-Ourense que se celebraron en 2016 e recentemente a principios deste mes. Tamén neste apartado aprobouse unha subvención de 5.000 euros para a asociación de veciños de Santa María de Vilar da Ponte Ambía, no Concello de Baños de Molgas, destinada á construción dunha carpa fixa na que celebrar os actos promovidos pola comunidade de montes.

A Xunta de Goberno resolveu, por outra banda, a convocatoria de subvencións para proxectos de prestación de servizos sociais no presente ano, concedendo algo máis de 262.000 euros a preto de sesenta asociacións e fundacións.

No capítulo deportivo aprobouse unha achega de 71.000 euros para a posta en marcha do programa ESQUIOU 2017, promovido pola Deputación de Ourense en colaboración coa Estación de Inverno de Manzaneda. Este campamento de iniciación ao esquí terá 735 prazas para nenos da provincia de Ourense nados entre 2005 e 2008 e que poderán pasar tres días nestas instalacións de montaña en sete quendas, correspondentes as comarcas de Celanova e Baixa Limia; Allariz-Maceda e A Limia; Ribeira-Carballiño; Verín-Viana; Valdeorras; Ourense; e Terras de Caldelas e Trives.

Para actividades culturais, a Xunta de Goberno concedeu 10.000 euros á Asociación Cultural Os Xuncos, de Xunqueira de Espadanedo, que permitirá a adquisición de instrumentos para a banda de gaitas, así como unha subvención de 14.995 euros para a organización da primeira Festa Histórica de Pazos de Arenteiro, no Concello de Boborás, a celebrar os días 19 e 20 de agosto.

A Xunta de Goberno aprobou tamén a programación anual da Escola de Artes e Oficios da Deputación de Ourense, correspondente ao curso 2017-2018, programación, que comezará o 1 de outubro e rematará o 30 de xuño de 2018, inclúe cursos de debuxo, iniciación e perfeccionamento en pintura, talla e escultura en madeira, modelado e escultura en barro e olería. O prazo de inscrición permanecerá aberto do 1 ao 30 de setembro e o custo da matrícula por disciplina será de 50 euros.

Asemade, aprobouse a programación anual e prezos públicos da Escola de Gaitas da Deputación de Ourense para o curso 2017-2018, que oferta 510 prazas nos ciclos elemental, medio e superior de gaita; un curso especial de gaita para adultos; percusión; canto e pandeireta; curso para adultos de canto de pandeireta e zanfona. As clases comezarán o 2 de outubro deste ano e finalizarán o 30 de xuño de 2018. O prazo de matrícula permanecerá aberto do 1 ao 20 de setembro, sendo o prezo de inscrición por curso e materia de 40 euros.

Finalmente, a Xunta de Goberno aprobou a adhesión do Concello de Gomesende ao convenio marco de cooperación entre a Deputación e os concellos para a prestación, por parte da institución provincial, do servizo de inspección dos tributos municipais para o período 2016-2019.