A II edición do curso de "Música antiga" achega estas melodías a aulas e escenarios

  • Celebrarase do 17 ao 21 de xullo no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", no Teatro Principal e no Conservatorio de Ourense.

Ourense, 13 de xullo de 2017.- A música antiga volve ás aulas e aos escenarios e faino do día 17 ao 21 de xullo no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", no Teatro Principal e no Conservatorio de Música de Ourense, lugares que acollerán concertos, conferencias e clases desta vertente musical con motivo da segunda edición do curso de Música Antiga. A presentación desta iniciativa cultural tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director do curso, Jorge Fuentes; a directora do Conservatorio de Ourense, Purificación Iglesias; e a profesora do curso, Mar Blanco.

Rosendo Fernández salientou que este curso pretende "converter a Ourense nun referente da música antiga, aproveitando que Ourense foi a primeira cidade de Galicia en establecer un departamento de música antiga para estudos profesionais, ademais de contar cunha longa tradición en música deste tipo".

O vicepresidente da Deputación de Ourense explicou que os obxectivos deste curso son "introducir instrumentistas que se inicien, así como os que xa teñan experiencia, apoiar o talento musical e complementar a actividade artística do mes de xullo".

Este ano, o curso conta con catro novas especialidades instrumentais respecto da primeira edición que son: violín, viola, violonchelo e gaita barroca, chegando así a estar presentes un total de 10 especialidades e de 12 profesores.

Jorge Fuentes, quen explicou a programación deste segundo curso de música antiga, dixo que xa están inscritos "preto de 40 persoas no curso, procedentes non só de Galicia, senón de diferentes lugares de España, aínda que incluso houbo peticións desde o estranxeiro". Os interesados en participar poderán matricularse ata o día 16 de xullo.

A programación do curso dará comezo o día 17 de xullo, no Conservatorio de Ourense, de 10.00 a 13.00 horas para o alumnado de cordas, conferencia e obradoiro de encordado e, ás 21.00 horas, as actividades trasladaranse ao Teatro Principal co concerto de apertura a cargo de Música Aurensiana. Ao día seguinte, a sede de actividades do curso será o Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación onde, ás 19.15 horas, ofrecerá Paulo Gonçalves unha conferencia sobre "Aspectos iconográficos da Gaita fole na Idade Media" e, ás 20.30 horas, será a quenda para Mar Blanco quen falará de "Retórica Musical" onde "analizarei en pezas musicais, con vídeos e audios, cómo a retórica influíu na composición musical, non soamente literaria, na música barroca e renacentista, vai ser unha conferencia que se apoiará sobre partituras e audios e para cal non se requiren coñecementos previos", dixo Mar Blanco.

O mércores, 19 de xullo, as actividades volven ao Conservatorio, con concertos, a partir das 19.15 horas, a cargo de Eliot do Socho (clave) e despois será a quenda para Luís Martínez Pueyo ao traverso acompañado por María del Mar Blanco. Ao día seguinte, as actuacións musicais celebraranse no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", a partir das 20.15 horas, cun concerto cocktail de Música Aurensiana aderezado cunha cata do viño Xiana da adega Chan do Couso. Por último, o venres días 21 de xullo, terá lugar o concerto de clausura no Auditorio CMUS de Ourense, xunto coa entrega de diplomas do curso. Asemade tódolos días de 10.00 a 13.00 horas e de 15.000 a 18.00 horas haberá clases das distintas especialidades no Conservatorio de Música de Ourense.

A asistencia aos concertos e as conferencias será gratuíta.

A directora do Conservatorio de Ourense aplaudiu "a continuidade deste tipo de iniciativas que van vinculadas a unha parte do proxecto do Centro de potenciar este estilo de música, que abarca desde o ano 500 ata 1750 aproximadamente, con distintas seccións: a música medieval, renacentista e barroca".