Manuel Baltar afirma que Miguel Ángel Blanco "representa un heroe dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas"

  • O presidente da Deputación de Ourense dixo hoxe en Xunqueira de Espadanedo, no acto de homenaxe no 20º aniversario do asasinato do edil, que honrar a Miguel Ángel Blanco "é honrar a democracia e reivindicar a unidade fronte ao terrorismo".

Ourense, 13 de xullo de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe en Xunqueira de Espadanedo, no acto de homenaxe no 20º aniversario do asasinato de Miguel Ángel Blanco que honrar a Miguel Ángel "é honrar a democracia e reivindicar a unidade fronte o terrorismo", destacando que Miguel Ángel Blanco "representa un heroe dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas".

Manuel Baltar lembrou que pasaron vinte anos "pero é como se pasaran vinte días, pois mantense unánime, só con algunhas excepcións, ese "espírito de Ermua", esa unidade e levantamento do pobo español contra a barbarie terrorista, e por suposto honramos a figura Miguel Ángel Blanco, que representa un heroe dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas".

"A súa familia merece –afirmou Baltar- que desde Ourense teñamos un recordo especial, así o facemos hoxe en Xunqueira de Espadanedo e na Merca e cremos que homenaxear a Miguel Ángel Blanco é honrar a democracia, e todo o que fagamos neste sentido vai no bo camiño de rexeitar un terrorismo que protagonizou boa parte do século XX en España, que merece toda a nosa repulsa, e non esquecer, xa que os pobos que non lembran o seu pasado están condenados a repetilo. Por iso, honrar a Miguel Ángel e reivindicar a unidade fronte ao terrorismo, unha obriga que todos debemos practicar día a día".

O acto, celebrado xunto ao "Monumento á Liberdade", erixido na honra de Miguel Ángel Blanco en Espadanedo, municipio natal do pai do edil asasinado por ETA, contou coa presenza, ademais de Manuel Baltar, do alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Carlos Gómez, de familiares de Miguel Ángel Blanco, de autoridades institucionais da comarca e de veciños da localidade. No decurso do acto leuse un comunicado en memoria do edil de Ermua e de seguido tivo lugar unha ofrenda floral diante do "Monumento á Liberdade", para rematar cun un minuto de silencio e un emotivo aplauso de respecto á figura de Miguel Ángel Blanco.

Pola tarde, en Faramontaos (A Merca) terá lugar unha ofrenda floral na tumba de Miguel Angel Blanco, acto ao que asistirán o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde da Merca, Manuel Velo.